Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Concerto de G-Face mañá xoves nas festas de San Telmo

23/04/2025

Concerto de alumnado do Conservatorio e a estrea de “Arraiadas” polo grupo de teatro Chirlomirlo forman parte tamén da programación prevista

O Espazo Feiral acollerá mañá xoves, ás 22 h, o inicio da xira “G Face na casa” do artista tudense G-Face. O concerto, que inicialmente estaba previsto para o pasado sábado, tivo que adiarse polas adversas condicións meteorolóxicas, e será mañá cando G-Face ofreza un espectáculo musical de case dúas horas.

Sobre o escenario estará acompañado por unha banda de catro músicos, dous coristas, un corpo de baile e un cadro de mariachis.  G-Face promete facer cantar e  bailar ao público ao ritmo dos seus éxitos tanto en galego como en castelán, dende “Vaivén”, “Miña Rianxeira”, “Maldito Cupido” ou o recen lanzado “Mi luna” con gran variedade de estilos nos que non falta nin a cumbia, nin a bachata.  Todo cunha coidada produción, cun impactante deseño de luces, efectos  especiais e coreografías sorprendentes.

Previamente, ás 18 h, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, volverá actuar o alumnado do  Conservatorio Profesional e e Elemental e da Escola de Música de Tui. Con distintas formacións, dende solistas, a grupos e combos interpretarán un repertorio moderno que de seguro sorprenderá ao público.

Ás 21 h continua no  Teatro Municipal a XV Semana de Teatro Amador que está a ter unha excelente acollida por parte do público dende este martes. Mañá xoves será o grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Cultural  Xuntanza de Randufe a que estree “Arraiadas”. A obra é unha idea orixinal do propio grupo que “peneirou” historias reais para crear esta proposta teatral.  Na mesma recollen anécdotas de Tui e Tomiño que teñen coma denominador común o “trapicheo”. Amancio Muíños, Alberto Sánchez, Laura Solla, Juan Carlos López, Graciela González, Noelia Solla, Miguel Ángel Martínez, Pablo Alfaya, Pilar Álvarez, Manuel Diz e Marita Giráldez forman parte do elenco que dirixe Areta Bolado.