Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Catro nenos saharauís gozarán do verán en Tui grazas ao programa Vacacións en paz

11/07/2025

Este mediodía, xunto coas familias acolledoras, foron recibidos na casa do concello

Yiusef, Ahmed, Yusef e Yahida son os nenos saharauís que pasarán o verán con familias acolledoras de Tui grazas ao programa Vacacións en Paz que promove Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Esta mañá foron recibidos, xunto ás súas familias, na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira, Ana Mª Núñez, e os concelleiros Rafael Estévez e Ismael Diz, tras chegar esta semana a Galicia.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, deulles a benvida a Tui un verán máis, xa que todos eles repiten estadía na cidade, ao tempo que amosou o agradecemento as tres familias tudenses que acollen a estes tres nenos e unha nena, que grazas á súa  solidariedade  poderán gozar dun verán lonxe das extremas temperaturas que se acadan nos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf. Este pequenos e pequena terán así a oportunidade de  compartir coas súas familias acolledoras novas experiencias na praia, no río, no monte… e practicar actividades propias da época estival.  A súa estadía en Tui permítelles amais o acceso a revisións médicas ou consultas especializadas no caso de ser preciso.

Como mostra de benvida, o Concello de Tui fixo entrega a estes nenos e nena  dunha mochila e de distintos xogos cos que de seguro desfrutarán durante a súa estancia no municipio.

Coa participación neste programa, o Concello de Tui reafirma o seu compromiso coa solidariedade internacional e co benestar da infancia.