Boom turístico na Semana Santa en Tui
Incrementouse nun 177% o número de peregrinos en un 36% o de visitantes con respecto ao mesmo período do ano anterior
Tui consolidouse esta Semana Santa coma un dos destinos clave neste período ao incrementar de xeito notable o crecemento tanto no número de peregrinos coma de visitantes. Así o reflicten os datos da Oficina Municipal de Turismo que atendeu 297 peregrinos e peregrinas, fronte aos 107 do ano pasado, o que supón un incremento do 177%. Destaca tamén o equilibrio entre peregrinos internacionais (146) e nacionais (151), o que evidencia o carácter global do fenómeno. Amais os datos reflicten o crecemento imparable da cidade como destino clave no Camiño Portugués da Costa.
Na mesma liña se comportou o turismo xeral xa que neste punto de información turística foron atendidos 443 visitantes, un 36% máis que na Semana Santa de 2024. A maioría, 417, procedentes de diferentes puntos de España, e 26 do estranxeiro. En 2024 foran 325 persoas visitantes as que se achegaron a este punto de información, dos 311 foron españois e 14 estranxeiros.
A concelleira de Turismo, Ana María Núñez Álvarez, valorou estes datos como “espectaculares e moi alentadores, especialmente tendo en conta as inclemencias meteorolóxicas que marcaron estas datas”. Subliñou que a realidade turística de Tui vai moito máis alá do recollido polas cifras oficiais, xa que máis dun 80% dos visitantes non chegan a pasar pola Oficina.
Ademais, destacou a concelleira desequilibrio que se rexistra nas estatísticas oficiais do Camiño, en especial as da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago, onde o incremento foi moito menor. Ana Núñez lembrou que os peregrinos que fan o Camiño Portugués da Costa polo trazado oficial portugués (desde Caminha ata Valença) non están a ser correctamente contabilizados. Nese senso lembra as conclusións do estudo realizado polo tudense Alfonso Ferreira do importante número de peregrinos que chegan a Tui camiñando pola vía xacobea que dende Caminha continúa até Valença, e que porén son contabilizados na Oficina do Peregrinos ao Camiño Portugués da Costa.
Por iso, o Concello de Tui solicitará formalmente que esta variante sexa incluída nas estatísticas oficiais para garantir unha medición máis xusta e realista da relevancia deste Camiño.