Reto con premio no Mercado de San Antonio para dinamizar o comercio local
Trátase de adiviñar cantas bólas hai no interior dun Citroën C3 Aircross. O premio será unha estancia no Parador de Tui
O Concello de Tui pon en marcha unha nova campaña de promoción do comercio local neste Nadal, en concreto faino no Mercado de San Antonio.
En colaboración con dous establecementos tudenses, Citroën Sesnova e Parador de Turismo, o Mercado de San Antonio acollerá unha innovadora campaña promocional que busca dinamizar o comercio local, atraer visitantes ao mercado e dar visibilidade á actividade empresarial da cidade. En concreto lánzase o reto de adiviñar cantas bolas hai no interior dun coche C3 Aircross situado no propio Mercado de San Antonio. As persoas que desexen participar deberán cubrir o formulario do concurso indicando o número de bólas que consideran pode haber. O formulario está accesible a través dun código QR situado no propio coche ou ben a no enlace dispoñible en tui.gal. Só se permite unha participación por persoa e débese ser maior de idade. A participación poderá realizarse entre as 9.30 do sábado 13 e ás 23.30 do venres 26 de decembro. A persoa que acerte o número exacto de bolas ou máis se aproxime a cantidade levará como premio unha estancia dunha noite para dúas persoas con almorzo no Parador de Turismo de Tui. En caso de empate será gañadora a persoa que primeiro teña introducido a cantidade correcta. En tui.gal están as bases concretas deste concurso.
Con esta acción, preténdese xerar sinerxías entre o Mercado Municipal de San Antonio e o concesionario Citroën Sesnova, ao tempo que se promove o Parador de Tui como destino turístico.
A concelleira de Comercio e Mercados, Ana Núñez, sinala que “buscamos sorprender e atraer visitantes ao mercado cunha proposta diferente, divertida e participativa. Ao mesmo tempo, poñemos en valor o traballo dos praceiros, a actividade empresarial da cidade e o atractivo turístico de Tui”. Lembra Ana Núñez as iniciativas de dinamización do comercio local postas en marcha este Nadal, coma son o Carrusel Infantil, no que se pode viaxar gratuitamente cun tícket de compra do pequeno comercio, a presenza de Papa Noel no Mercado de San Antonio, e agora con este sorteo.
Bases do Concurso Adiviña cantas bólas hai? no Mercado de San Antonio





