O grupo ParTUIcipando reclama no Parlamento Galego unha internet máis segura
Onte asistiron e interviron no XIII Foro de Participación Infantil e Adolescente celebrado na cámara galega
Representantes do grupo de participación infantil e xuvenil do Concello de Tui, ParTuicipando, acudiron onte ao Parlamento Galego onde se celebrou o XIII Foro de Participación Infantil e Adolescente Parlamento de Galicia-UNICEF para conmemorar o Día Mundial da Infancia.
O acto estivo presidido por Elena Candia, vicepresidenta 1ª da Cámara galega, e contou coa participación do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e da presidenta de UNICEF Galicia, María Montalvo, xunto a representantes do grupos parlamentarios.
O grupo tudense estivo respaldado pola concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente. Tamén acudiron grupos e consellos locais de participación infantil e adolescente de Burela, Cedeira, Moeche, Redondela, Nigrán, Ponteareas, A Laracha, Tomillo, O Rosal, Moaña, Teo e Val do Dubra.
Unha representante do grupo tudense xunto a outro do concello de Teo foron os encargados de transmitir as propostas das nenas, nenos e adolescentes que participaron no Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Xuvenil, celebrado en Nigrán no mes de outubro, sobre os dereitos dixitais.
Expuxeron que a mocidade “soña cunha Internet máis segura, máis respectuosa e máis humana”, un espazo no que estar conectadas e conectados non implique quedar desprotexidos ante contidos ou situacións que poden causar dano.
Demandaron así unha educación dixital de calidade, talleres de xestión emocional, habilidades sociais e intelixencia emocional, protocolos claros de apoio ás vítimas, espazos seguros e profesionais formados, campañas de sensibilización sobre privacidade, así como a difusión do teléfono 017, un recurso gratuíto e confidencial esencial ante situacións de risco.
Reclamaron responsabilidade ‘ás plataformas para filtrar comentarios ofensivos, bloquear contas que fan dano e avisar cando se vulneran dereitos.
A intervención rematou cunha mensaxe clara: a necesidade dunha educación baseada na igualdade, no respecto e na diversidade, para construír un entorno dixital seguro e enriquecedor.
“Internet pode ser un lugar cheo de risco… ou cheo de posibilidades. E o cambio comeza cando aprendemos a usalo con corazón, con empatía e coidando ás demais persoas”, concluíron.
A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, destacou a importancia de eventos coma este para escoitar a voz da infancia e da adolescencia, as súas preocupacións e propostas, neste caso entorno aos dereitos dixitais coma o día anterior fixeron no pleno infantil celebrado en Tui. Lembrou que o grupo de participación infantil e adolescentes de Tui está aberto a novas incorporacións, e tamén o traballo que o Concello de Tui realiza para poder ser Cidade Amiga da Infancia.





