Tui prepárase para unha intensa fin de semana de San Telmo
Deporte, concertos, gastronomía, verbenas ou espectáculos para público familiar nos días grandes destas festas, declaradas de Interese Turístico Galego
Todo preparado en Tui para vivir a fin de semana grande das Festas de San Telmo, declaradas de Interese Turístico Galego. Unha ampla programación que inclúe deporte, concertos, gastronomía, verbenas, espectáculos para público familiar, animación de rúa... e moito máis até o luns 28, festivo local. O paseo da Corredoira, o Espazo Feiral, o Teatro Municipal, o Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, a rúa Compostela, a praza de San Fernando, San Bartolomeu... son os principais escenarios das actividades previstas.
Espazo Feiral
Nestas Festas de San Telmo, o Espazo Feiral, na confluencia da rúa Mártires de Sobredo e a avenida da Concordia, acolle diversos espectáculos, as casetas gastronómicas das asociacións culturais e as atraccións das festas. Mañá sábado aquí actuará a orquestra Olympus cun primeiro pase ás 21 h e o segundo ás 23 h. Despois, o público poderá gozar de Tui Mix, unha sesión con dj Enter e dj Bacardit.
Tamén neste Espazo Feiral actuará o domingo a orquestra Kubo, ás 21 h e ás 00 h.
Corredoira
O paseo da Corredoira acollerá a Carreira Popular I Memorial Xosé Martínez Tato, que terá lugar mañá sábado a partir das 11 h coa participación de 850 persoas nas distintas categorías. No mesmo espazo, e amenizando a xornada, ás 12 h actuará a Charanga Cantos Somos. Xa pola tarde, o mesmo sábado, Barafunda realizará un pasarrúas con “Tucáns”.
O domingo 27 as actividades neste espazo comezarán ás 12 h coa actuación da Charanga A tu Ritmo e, ás 20 h, será a quenda da Charanga Cantos Somos. Dous pasarrúas teremos na Corredoira o domingo: ás 18 h Mariposas Hípicas Celta e ás 19 h Troula Animación presentará “Psichodelia”.
Tamén o domingo 27 na Corredoira, ás 12.30 h, estará en concerto o Ateneo Musical de Bembrive e ás 18 h, actuará a Banda de Música Popular de Tui.
Xa o luns, festivo local, o paseo da Corredoira acollerá o pasarrúas “Gala” de Asacocirco.
Espazo da rúa Camilo José Cela e
No novo Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela actuará mañá sábado ás 18 h Brais das Hortas co seu “Concertasso na Horta” e, a partir das 21.45 h, actuará o grupo Wondercovers.
O domingo 27 ás 21.45 h, estará en concerto o grupo Old Bridge.
O luns 28 ás 12.30 h será a quenda da Banda Xuvenil de Tui. Xa pola tarde, ás 17 h, os Xigantes e Cabezudos tomarán a praza da Inmaculada xunto ao grupo de gaitas Lembranzas da Terra.
Teatro Municipal
O luns 28 ás 18 h o Teatro Municipal de Tui acollerá o concerto da Banda e Música da Escola Naval Militar de Marín, con entrada libre.
San Bartolomeu
Tui vivirá esta fin de semana unha nova edición da Concentración Cabalar de San Telmo, que amplía a súa duración a tres días: sábado, domingo e luns. O barrio de San Bartolomeu acollerá este tradicional evento con novidades este ano na súa programación, como a Ruta Cabalar Gratuíta.
Rúa Compostela
A música volverá encher a rúa Compostela nestas festas patronais coas verbenas a cargo de Los Players, o domingo 27, ás 19 h e ás 23 h; e o luns con Los Satélites, ás 19 h e ás 00 h.
Desfiles e procesións
Un dos elementos tradicionais destas festas son as procesións e os desfiles. O primeiro que percorrerá o centro da cidade, partindo dende a glorieta de Vigo, é o Desfile Exaltación de Traxes tradicionais organizado pola Asociación do Traxe Tradicional de Tui. Será o domingo 27 ás 12.30 h.
O luns 28 ás 11 h terá lugar a Procesión pola Coronilla e Misa na Honra a San Telmo, na Catedral.
O propio luns ás 19.15 h a Banda de Guerra e Guión da BRILAT desfilará dende a rúa Augusto González Besada até a praza de San Telmo, onde realizará a homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos.
Ás 21 h partirá dende a Catedral a solemne Procesión de San Telmo que percorrerá as rúas de Tui, para ao regreso, na praza de San Fernando realizar ofrenda a San Telmo.
Xa ás 23.30 h, dende o Paseo Álvarez Blázquez, terá lugar a tirada de Fogos Piromusicais, como remate das festas de San Telmo 2025.