Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xarope Tulú presenta mañá o contacontos para bebés “Bichocas”

5/05/2025

Será ás 17.30 h na Biblioteca Municipal dentro da programación de Tui En Letras

Mañá martes, 6 de maio, ás 17.30 h na Biblioteca Municipal, cun contacontos para bebés comezan as actividades da  programación de “Tui en letras” que promove a concellaría de Ensino, Cultura e Mocidade tudense para os meses de maio e xuño.

“Bichocas” é un espectáculo de pequeno formato dirixido á primeira infancia (0-3 anos), que combina a narración oral, a manipulación de obxectos e a música. Neste contacontos os obxectos e a palabra fan viaxar a través do mundo animal. As protagonistas das historias aprenderán nesta viaxe a importancia de ser diversas e a posibilidade de compartir coas demais os seus afectos.  

Esta actividade ten como obxectivos favorecer o encontro entre a cativada desde moi pequenas; estimular e espertar sensacións e emocións; e ofrecer propostas escénicas para que os nenos e nenas adquiran o galego como lingua inicial.

Esta actividade está cargo de “Xarope Tulú”, compañía fundada no ano 2015 pola actriz Atenea García e o escenógrafo e músico Nicolás Zamorano. As súas propostas intentan achegar entre si as diferentes linguaxes escénicas: a narración oral, o teatro de obxectos,  a interpretación actoral e a música. 

Para a concelleira Sonsoles Vicente Solla esta actividade se inxire na programación da Biblioteca Municipal tudense que ofrece ao longo do ano diversas actividades de animación á lectura para os diversos sectores de idade co obxectivo de achegalos ao mundo do libro e a lectura como ferramenta de coñecemento e alternativa de lecer.