Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unha conferencia de Natalia Jorge sobre Antón Alonso Ríos abre as Xornadas Siñor Afranio

27/05/2026

Será mañá xoves, ás 20 h, no Espazo Sociocultural

Mañá xoves, 28 de maio, comezan en Tui as xornadas “O siñor Afranio” organizadas polo Concello de Tui. Será ás 20 h no Espazo Sociocultural, na rúa Camilo José Cela, cunha conferencia da historiadora Natalia Jorge titulada “De Antón Alonso Ríos ao siñor Afranio”.

O señor Afranio é o pseudónimo que o deputado agrarista Antón Alonso Ríos (Silleda, 1887 – Buenos Aires, 1980) se puxo para percorrer Galicia sen ser descuberto tras o levantamento militar do 36.  Nos primeiros anos da II República Alonso Ríos traballa como director da escola fundada polos emigrantes de Tomiño “Aurora del Porvenir”. A súa vocación polos problemas do campo lévano a organizar o movemento agrarista na Provincia de Pontevedra, sendo nomeado presidente da Federación Agraria da Provincia de Pontevedra, e logo deputado dentro das listas da Frente Popular.

O alzamento do 18 de xullo cólleo en Tomiño descansando coa súa familia. Sen agardar ordes organiza a resistencia que dura varios días, até que as forzas sediciosas se apoderan de toda Galiza. A partir deste acontecemento Alonso Ríos comeza a vivir unha das máis apaixonadas historias de supervivencia e acoso. Durante tres anos vivirá por terras de Pontevedra, Ourense e Portugal, baixo unha nova identidade “Afranio de Amaral”, pedindo esmola e traballando como labrego, mentres que as forzas franquistas o buscaban desesperadamente para asasinalo. Finalmente pode saír a Portugal, de alí a Marrocos, para logo trasladarse a Bos Aires.

Natalia Jorge Pereira (Tomiño, 1982) é doutora internacional en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (2024) coa tese Actitudes e Comportamentos sociais nos concellos fronteirizos de Tomiño e Cerveira ante as ditaduras de Franco e Salazar na década de 1940 que acadou o cum laudem.

O seu traballo céntrase na fronteira, o contrabando, a emigración, a identidade, a conflitividade e os comportamentos das comunidades raianas. 

Entre os seus traballos destacamos a edición ao seu cargo do Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte de Antón Alonso Ríos (2019) ou Abaixo as ditaduras de Josefa García Segret (2023).

Recentemente ven de gañar o Premio Xohana Torres na categoría de ensaio e investigación co traballo Formigueiro de mulleres. As trapicheiras do Miño (2024) editado pola Universidade de Santiago de Compostela e que leva xa dúas edicións.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, estas xornadas o Concello de Tui testemuñan o compromiso do Concello de Tui coa memoria democrática, facéndoo neste caso a través de actividades multidisciplinares que permitirán achegarse nestes días á figura de Antón Alonso Ríos, un dos principais protagonistas da vida política na nosa comarca nas primeiras décadas do pasado século. Na organización destas xornadas cóntase coa colaboración da  Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo, Miño, Condado e Louriña.

A Xornadas Siñor Afranio continuarán co seguinte programa:

  • Venres 29:
    • Ás 20.00 h Proxección da película "Afranio" dirixida por Víctor Coyote e protagonizada por Luís Tosar. No Espazo socio-cultural da rúa Camilo J. Cela.
  • Domingo 31:
    • 11.30 – 12.00 – 12.30 – 13.30 h "Túnel do viño. Percorrido do siñor Afranio" No Mercado de San Antonio. Inscrición previa na Biblioteca
    • 20.00 h Concerto "Cantares dun fuxido" Con Víctor Aparicio, Pablo Nóvoa e Pancho Álvarez. No Espazo socio-cultural da rúa Camilo J. Cela.