Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Teatro Paraíso con “Entrecajas” abre este venres a programación de outono no Teatro Municipal

1/10/2024

A obra recibiu o Premio FETEN 2024 ao mellor espectáculo de clown

O Teatro Municipal de Tui estrea este venres a súa programación de outono. Faino da man da compañía vasca Teatro Paraíso co espectáculo “Entrecajas”, polo que recibiron o Premio FETEN 2024 ao mellor espectáculo de clown. A cita será este venres ás 19 h. As entradas están á venda en tui.gal até dez minutos antes do inicio aos prezos de 5€ e 3,5€.

Teatro Paraíso, que vén de cumprir 45 anos coma compañía, convida en ‘Entrecajas” a gozar do xogo, a imaxinar, a vivir aventuras e a acadar calquera soño.  A obra presenta unha historia chea de humor, na que dous amigos, Bartolomeu e Comino, que viven en caixas imaxinan viaxes a lugares soñados, coa súa sorprendente creatividade. A súa vida transcorre entre o xogo, a convivencia, as pelexas cotiás e as reconciliacións. Un día chega un terceiro personaxe que porá a proba a forza da súa amizade roubándolles as súas caixas. Xuntos atoparán o camiño de regreso ao lugar onde un día foron felices ao descubrir que lles queda o máis valioso: a súa amizade e a súa capacidade de imaxinar.

Baixo a dirección de Tomás Fernández Alonso en escena estarán Xabier Artieda, Aritz Bengoa e Xabier Flamarique. A obra ten unha duración de 50 minutos. 

Dende hai máis de 40 anos Teatro Paraíso desenvolve un intenso labor artístico dedicado á produción, creación e exhibición de espectáculos de calidade para a infancia e o público familiar. Teñen actuado en escenarios de Estados Unidos, Canadá, Noruega, Finlandia, Francia, Bélxica, Alemaña, Reino Unido, Romanía, Italia, Irlanda, Suíza, Austria, Luxemburgo, Holanda, Portugal, Croacia, Eslovenia, India, Singapur, Arxentina, Uruguai, Brasil, Chile, México e Ecuador.

 En tui.gal están xa á venda as entradas para os seis espectáculos que conforman a programación de outono no Teatro Municipal de Tui. 
Entradas