A presidenta do RC Celta, Marián Mouriño, será a pregoeira das Festas de San Telmo
Durante dez días a cidade vivirá as súas festas patronais declaradas de Interese Turístico Galego
A presidenta do Real Club Celta, Marián Mouriño, será á pregoeira das Festas de San Telmo deste ano 2026. A lectura do pregón, marcará o inicio oficial dos festexos o próximo sábado, 4 de abril, ás 12.45 h, na praza da Inmaculada.
Así se confirmou esta mañá na presentación das festas patronais de Tui, declaradas de Interese Turístico Galego, por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto ao equipo de goberno ao completo. O rexedor tudense destacou na súa intervención que este é “o evento máis importante de cantos se celebran na cidade ao longo do ano”. Referiuse ao cambio que as festas experimentaron nos últimos anos, dende que o propio Concello asumiu a súa organización, e nas que se expresan “as potencialidades que en todos os eidos ten este concello” e estes “tiñan que ser eventos que promocionase a nosa cultura,…a nosa identidade”. Con respecto á pregoeira deste ano, Marián Mouriño, presidenta do Real Club Celta, Enrique Cabaleiro agradeceu que tivera aceptado a invitación feita polo Concello de Tui, e resaltou que “é unha muller que está dirixindo o club máis importante de Galicia, con enorme acerto, e está a facer un traballo extraordinario”. Afirmaba que a súa traxectoria transcende o “meramente deportivo e abrangue outros aspectos importantes da vida social e cultural”.
O Teatro Municipal de Tui, o Espazo Feiral, a praza da Inmaculada, o Paseo da Corredoira e o Espazo Sociocultural, serán parte dos escenarios nos que se desenvolva o amplo programa destes festexos coa entrega dos Premios Cidade de Tui, concertos, animación de rúa, teatro, actividades familiares, gastronomía eventos deportivos, verbenas … Así o explicou a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicando que o obxectivo “é achegar actividades a todo tipo de público e de gustos, sendo a programación un amalgama de actividades, e sobre do noso e da nosa xente de aquí de Tui”. Salientou tamén que as festas permitirannos gozar “da nosa cultura e das nosas tradicións”.
Na primeira xornada de festas, o sábado ás 18.30 h no Teatro Municipal, entregaranse os Premios Cidade de Tui a Marga do Val, na categoría individual, e ao Tyde F.C. na de colectivo e, a continuación, inaugurarase na Sala Municipal a mostra “TYDE F.C. Un século de historia”.
Na primeira fin de semana das festas, o sábado 4 e o domingo 5, na praza da Inmaculada celebrarase o V Encontros de Viños da Raia. A concelleira de Turismo, Ana Núñez, sinalou na presentación desta mañá que este é evento “que ano tras ano medra e se converteu nun magnífico escaparate para coñecer, catar e disfrutar dos viños do noso territorio”. Engadiu que este evento “é moito máis que unha cita coa enoloxía e coa gastronomía e que é unha aposta clara polos pequenos e polas pequenas produtoras, por esas adegas que non sempre o teñen fácil, pero que están a facer un enorme esforzo por recuperar a terra, por coidar o territorio, e por apostar por un modelo de produción ligado á identidade e á calidade”.
Por outra parte, Ana Núñez explicou que “este ano o Concello, por responsabilidade como administración pública e tras manter unha xuntanza co sector hostaleiro, tomou a decisión de non promover institucionalmente o consumo do meixón”, tendo en conta a situación desta especie. Ao mesmo tempo, subliñou que “o Concello está e estará sempre ao lado da hostalaría, un sector fundamental para a nosa economía, polo que a Festa do Meixón seguirá presente nos establecementos locais que decidiron mantelo nas súas cartas. Esa decisión merece todo o noso respecto e apoio”. Deste xeito, este produto poderá degustarse, previa reserva, do 1 ao 13 de abril en Casa Pote, El Molino, La de Manu, O Novo Cabalo Furado, Parador e O Bartolo, cun prezo de 85 euros por ración. A presentación serviu tamén para “reivindicar a necesidade de que as administracións competentes reforcen o seu compromiso co coidado do río, coa conservación das especies e coa defensa da pesca tradicional, que forma parte da identidade da nosa cidade”.
A música será un dos grandes atractivos das festas. Aos concertos xa anunciados de La Fuga e Puño Dragón, o sábado 4, e Ñu, o domingo 5, sumaranse os dos grupos The Piledeis, The Sibaritas e os tudense Ola de Calor. Celebrarase a segunda edición de Tui Mix para a poboación máis nova con El Virtual, Komojo, e Overdose Djs con Kaixo, Wabii&Denzo e Xiari no Espazo Feiral.
Non faltará concertos clásicos das festas coma o da Escola Naval Militar de Marón, e outras agrupacións populares coma a Banda de Música Popular de Tui, a Banda Xuvenil de Tui, a Agrupación Musical Atlántida de Matamá, a Banda de Música Municipal de Ribadumia.
A animación de rúa chegará da man das charangas tudenses A Tu Ritmo e Cantos Somos, contarase cos pasarrúas Verme Lambón de Barafunda, A Trikimachín de Pulpiño Viascón, Mimo Circus Party de Pista Catro.
A música tradicional volverá ser protagonista no Festival Folclórico no Teatro Municipal, o domingo, 5 coa participación dos grupos Xuntanza (Randufe), Darraia (Tui), Santa Columba (Ribadelouro), San Telmo (Tui), Traxe Tradicional (Tui), Seixos Albos (Areas), Lembranzas da Terra (Guillarei), Inquedanzas (Pazos de Reis), e O Mosteiro (Pexegueiro). Nas rúas actuarán os grupos Sans Fins de Rebordáns e Lembranzas de Guillarei xunto aos xigantes e cabezudos o sábado 4 e o luns 13, respectivamente.
O Espazo Sociocultural acollerá a actuación da CAI, Compañía Artística Interdisciplinar con “Ferro e Fío”, unha demostración do alumnado da Escola de Danza Paula Cobián, e concertos do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui .
Durante as festas celebrarase a XVI Semana de Teatro Amador na que os grupos tudenses estrearán as súas novas obras, nunha cita consolidada e que cada ano recibe unha gran acollida por parte do público. Así o grupo de teatro San Fins de Rebordáns estreará “Ultramarinos Norte”, A Insua de Caldelas presentará por vez primeira ante o público “Error 404”, Aloia de Pazos de Reis “Taxi”, e Xuntanza de Randufe “Tres porquiños”.
Na programación para público familiar o Teatro Municipal acollerá o concerto “Eih!! Carballeira” de Uxía Lambona e a Banda Molona o luns 6; e o Espazo Sociocultural será o escenario do espectáculo de circo “Todotrucazos” de Henriko o venres 10 ; de “Etéreo” co mago Samuel Moreno o sábado 11,
Amenizarán as verbenas Panorama City e a Orquestra los Satélites o domingo 12, París de Noia o luns 13, e Claxxon o venres 10, e La Banda de Ayer o sábado 11.
No ámbito deportivo a Concentración Cabalar celebrarase durante tres días, sábado 11, domingo 12 e luns 13, en San Bartolomeu cun amplo programa de actividade. E o sábado 11 a Carreira Popular de San Telmo volverá a reunir a centos de persoas de todas as nunha cita con gran tradición que ten aberto o prazo de inscrición até o próximo martes 7 de abril. Así o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, explicaba que o obxectivo este ano na Carreira de San Telmo II Memorial Xosé Martínez Tato, é superar as 700 persoas participantes. Do mesmo xeito na Ultreia, a marcha que se celebrará o domingo 12 entre Tui e Pontevedra, agardan unha ampla participación tendo en conta que superan xa as 800 inscricións. Con respecto a concentración cabalar confirmou a celebración da II Ruta Cabalar, onde conta con reunir a 500 persoas.
O canto coral chegará ás residencias e ao centro de día coas corais Ponte das Febres, San Telmo, e do Centro Sociocomunitario.
Outras citas serán a Foliada no Espazo Feiral, o desfile exaltación do traxe tradicional e a entrada concerto da Banda de Guerra e Guión da BRILAT, e homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos.
A programación culminará o luns 13 de abril, festivo local en Tui, Luns de San Telmo, coa solemne procesión de San Telmo que partirá da Catedral para percorrer as rúas de Tui e regresar á praza de San Fernando onde terá lugar a ofrenda ao Santo. Este é un dos actos procesionais máis numerosos que se celebran na zona tanto polo número de imaxes que participan, chegadas de todas as parroquias tudenses, como polas miles de persoas que acoden cada ano.
A despedida das festas deste 2026 será luminosa e musical coa tirada de fogos piromusicais que o luns 13 ás 23.30 h se realizará dende o paseo Familia Álvarez Blázquez.
As festas de San Telmo non contarán este ano con atraccións. Así o explicou esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, indicando que “ nestes momentos podemos dicir que non vai haber atraccións por dous motivos. Un deles é que fixemos unha actualización das taxas de ocupación das atraccións que levaban sen actualizarse por máis de 20 anos e adecuamos as taxas ao conxunto das taxas que marcan o resto dos concellos que son dunhas características similares ás nosas, incluso sensiblemente por debaixo. Isto, en principios feirantes, pois non o aceptaron de boa grado”. E por outra parte as persoas propietarias das atraccións segundo o rexedor querían marcar a empresa que realizase a inspección técnica de seguridade algo que non é posible legalmente xa que o Concello de Tui debe cumprir o establecido la Lei de Contratos.
O programa oficial de San Telmo 2026, está xa dispoñible en tui.gal, e está recollido nun programa de man que se distribuirá en todas as vivendas do municipio, e estará dispoñible nos establecementos comerciais. Seguindo a imaxe do cartel deste ano obra do tudense Carlos Fer recóllese día a día a programación prevista entre o sábado 4 e o luns 13 de abril.
Coa presentación da programación Tui inicia a conta atrás para as festas na honra a San Telmo, declaradas de Interese Turístico Galego, que durante dez días brindarán actividades culturais, deportivas, festivas,…que serán un atractivo tanto para a veciñanza tudense como para persoas de toda Galicia e do norte de Portugal.





