O Concello de Tui recibe a doazón dun traxe tradicional tudense de home
O Concello de Tui vén de recibir a doazón dun traxe tradicional tudense de home. O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, recibiron a doazón de María Pilar González Pereira, que entregou ao concello a chaqueta, a camisa, o chaleco, os calzóns, o pantalón, os zapatos con medias, o broche e o gorro do seu irmán falecido Francisco Javier González Pereira.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, manifestou no momento de entrega o agradecemento á María del Pilar González Pereira pola súa xenerosa achega que enriquece as coleccións do Concello de Tui. O rexedor comprometeuse a realizar unha exposición pública deste traxe co obxectivo de contribuír á difusión e valorización desta vestimenta tradicional que singulariza á nosa cidade expresando a riqueza patrimonial tudense que abrangue tamén á indumentaria tradicional.
Tui posúe o privilexio de contar cunha lámina, da segunda metade do século XVIII, que reproduce a vestimenta dun home identificado como “un gallego de Tuy” que acompaña a unha galega de Noia. Unha ilustración realizada por Juan Cruz de Olmedilla (Madrid, 1734 - 1790) que foi un xeógrafo, cartógrafo, gravador e ilustrado español do século XVIII. En 1777 comezou a edición da “Colección de trajes de España, tanto antiguos como modernos, que comprehende todos los de sus dominios” correspondendo esta ilustración coa lámina 82 desta obra.





