Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Miles de persoas gozaron da fin de semana festiva en Tui

18/08/2025

A gastronomía encheu a rúa Compostela, e os Descensos o río Miño

Miles de persoas gozaron da fin de semana festiva en Tui. A gastronomía conquistou  o sábado á noite o padal de miles de comensais con produtos típicos da nosa cociña con empanadas variadas, tortillas, bocadillos, e outras propostas, e onde non faltaron as sobremesas con tartas variadas, onde non faltaron as clásicas de améndoa, mazá ou tres chocolates, filloas recheas ou bica.  As asociacións culturais Aloia de Pazos de Reis, Cristo da Agonía de Baldráns, Banda de Gaitas Guillarei, Laxes de Paramos, O Mosteiro de Pexegueiro, San Roque e San Bartolomeu, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, Seixos Albos de Areas, Traxe de Tui e Xuntanza de Randufe comezaron xa pola mañá cos preparativos da Festa Gastronómica coa decoración dos distintos postos, e xa ao fío das oito da tarde recibían os primeiros comensais. Ao longo da noite, coa animación das charangas tudense A Tu Rimo e Cantos Somos, foron degustándose os distintos produtos e mesmo chegaron a esgotarse moitos deles.  A rúa Compostela converteuse así no escaparate da nosa gastronomía, ateigándose de persoas que non quixeron perder a décimo terceira edición desta festa. 

Así rematou unha xornada festiva que tivo no río Miño outro dos puntos de interese. Moitas persoas xantaron xa ribeira de Caldelas, preparándose para a cita co piragüismo que comezaba ás 16 h. Preto de 500 persoas, nas súas piraguas, puxeron a nota de cor no río co Descenso Popular, no que os e as participantes fixeron gala de bo humor, espírito festivo e deportivo. 

En Salvaterra tivo lugar a saída dúas horas despois do Descenso Internacional con máis de 500 padexeiros de 42 clubs que buscaron o triunfo nunha cita xa clásica. Unha hora investiu o tudense Iván Alonso, do Piragüismo As Torres, en completar os 14 kms de percorrido, facéndose coa vitoria absoluta da proba no seu K1, nunha regata que dominou dende o comezo. 

En distintos puntos da ribeira, coma a praia de Areeiros, a Mariña, o Paseo Fluvial, e a mesma rúa Olímpicos Tudenses, onde estivo situada a liña de meta, acolleron ao público que non quixo perder esta destacada cita deportiva que acadou a súa 54 edicións. 
Tui viviu así unha xornada festiva con deporte, lecer e gastronomía. 

A programación do verán cultural continúa este venres co XXX Festival de Bandas de Música e o venres e sábado co Rocha Folk na ribeira de Caldelas.