Alba Farto imparte na Biblioteca Municipal o obradoiro “Debuxar as letras”
Será o próximo martes dentro do programa do Mes da Biblioteca. É preciso inscrición previa
A Biblioteca municipal de Tui acolle o próximo martes, 6 de outubro, ás 17.30 h un obradoiro titulado “Debuxar as letras” a cargo da ilustradora Alba Farto, co que comezan as actividades do “Mes da Biblioteca” dirixidas á cativada.
Neste obradoiro, impartido pola debuxante e ilustradora Alba Farto, daranse os primeiros pasos na técnica do lettering empregando diversas ferramentas: tinta, pincel, rotuladores. Aprenderanse as bases para seguir practicando na casa e acabar escribindo con soltura, e por que non?, creando unha obra propia.
O lettering coñécese como a arte de debuxar letras bonitas a man. Falamos de debuxar e non de escribir, xa que cando escribimos facémolo de xeito mecánico e cando debuxamos facémolo pensando no resultado e no estilo. O lettering é a arte do debuxo.
Con este obradoiro búscase descubrir o desenvolvemento creativo, debuxar as letras e tamén favorecer a concentración e a relaxación. A actividade fomenta a concentración, desconecta das pantallas e dá renda solta á creatividade. Debuxar líneas con pincel e tinta china, para xogar cas formas das letras e deseñar un tipo de letra persoal, ao final darémoslle cor ás letras.
Os rapaces e rapazas interesados nesta actividade deben inscribirse na propia Biblioteca ou a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal
Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade , expica que esta proposta de obradoiro ten o obxectivo de descubrir e promover o desenvolvemento creativo dos usuarios da Biblioteca Municipal.
Esta actividade está inserida no programa de dinamización de bibliotecas públicas, Ler Conta Moito da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.





