Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui da á benvida ao outono con música no Teatro Municipal

23/09/2026

O venres celebrarase un festival de playbacks e o sábado un concerto da Banda de Música Cultural de Salceda

O outono comeza con música en Tui con dobre proposta esta fin de semana no Teatro Municipal. O Festival de Playbacks previsto para o venres e o concerto da Banda de Música Cultural de Salceda do sábado teñen entrada gratuíta.     

O venres, ás 20.30 h, celebrarase un Festival de Playbacks no que participarán os grupos infantís das asociacións A Insua de Caldelas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Xuntanza de Randufe. Os máis pequenos e pequenas levarán ao escenario tudense as cancións e coreografías dos seus ídolos musicais. 

Xa o sábado ás 20 h estará en concerto a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas. Baixo a dirección de Jorge Macedo interpretarán no Teatro Tudense o repertorio co que van participar o domingo 11 de outubro no XIX Certame Galego de Bandas de Música. Entre as composicións que van ofrecer estará Soñad el mar de Manuel Morales Martínez; O mar dos ausentes de Álvaro Cámara López; e Stones and Sea, Symphony No. 1 de Saül Gómez i Soler. 

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, destaca que con estas dúas propostas dáse a benvida ao outono no teatro tudense, a unha semana de que comece a programación organizada polo Concello de Tui neste espazo escénico. As entradas para os sete espectáculos a celebrar entre o 2 de outubro e o 13 de novembro Tui están xa á venda en tui.gal.