Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O tudense Carlos Fer é o autor do cartel das festas de San Telmo 2026

6/03/2026

O tudense Carlos Fer é o autor do cartel das festas de San Telmo 2026. O Concello de Tui, continuando a liña de anos anteriores encargou a un artista local o deseño da imaxe das festas patronais que se van celebrar do 4 ao 13 de abril.  Así o nome de Carlos Fer súmase ao Víctor Aparicio e Carlos Lago que teñen realizado o cartel dos festexos nos últimos anos.

O Concello de Tui aposta así por unha banda por visibilizar a artistas locais, e por outra por reflectir nas imaxes das festas a visión dun ou dunha tudense.

Neste 2026 Carlos Fer debuxou coma protagonista do cartel a unha muller vestida co traxe tradicional, nunha actitude festiva. Explica o autor que “a figura está bailando unha muiñeira, un movemento de alegría, que activa a tradición como práctica atemporal, capaz de renovarse cada vez que se canta e se baila”.

Sitúa o artista a escena nun tempo indeterminado entre o mencer o solpor nun momento no que a festa comeza ou continúa.  A figura sostén o barco e a vela de San Telmo en cada man que coma Carlos Fer explica forman parte do “imaxinario popular” e das propias festas, converténdose en signos de identidade e de orgullo de pertencer a un lugar.  Engade o autor que “deste xeito, o “espírito” de San Telmo aparece encarnado nun corpo que baila, participa e fai comunidade”.

O cartel recolle tamén unha referencia ao oitavo centenario da consagración da Cat4edral que aparece no fondo do deseño onde se abre tamén a escena ao outro lado do río, en Valença. Plasma así o artista “a relación entre Tui e Valença como Eurocidade, onde as celebracións, os encontros e os ritmos circulan dun lado ao outro do río, construíndo unha identidade compartida na que esa fronteira acuosa funciona como ponte”.

Dende o Concello de Tui agradécese a Carlos Fer ter aceptado o encargo para deseñar o cartel das Festas que marcará a imaxe dos festexos tudenses neste 2026.

O tudense Carlos Fer é un artista multidisciplinar  e investigador. Graduouse en Belas Artes pola Universidad de Vigo. Actualmente dentro do doutorado en Creación e Investigación da UVigo está a elaborar o seu proxecto sobre o pliegue na pintura contemporánea. Realizou o seu labor docente na ESDIR, na EASD Pablo Picasso e na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa obra puido admirarse en cidades coma   Bilbao, Luxemburgo ou Lisboa, realizou residencias artísticas e estancias de investigación en París, Bruselas, Madrid e Galicia, arestora realiza precisamente unha residencia artística residencia artística na Cidade Internacional das Artes, en Paris. Na súa traxectoria destacan tamén varios premios premios internacionais e ven de ser finalista do X Premio Cervezas Alhambra Arte Emergente ARCO.