Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui pon en valor  a súa Catedral en FITUR

21/01/2026

O 800 aniversario da consagración do templo é un acontecemento de especial relevancia e unha oportunidade dende o punto de vista turístico e económico

O Concello de Tui presentou hoxe en FITUR, en Madrid, “Tui, Catedral de Historias” coa que promociona o 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui. Un acontecemento ao que Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, se referiu coma “de especial relevancia histórica, patrimonial e simbólica, pero tamén unha gran oportunidade dende o punto de vista turístico e económico”.

O rexedor tudense, destacou esta mañá na presentación no estand de Galicia, que “a catedral para os tudenses é algo máis que un elemento patrimonial” afirmando que “é un  dos grandes sinais de identidade, da que estamos sumamente orgullosos”. É por iso, explicou tras a proxección do vídeo da campaña, que ante a celebración do 800 aniversario da súa consagración “dende o Concello de Tui tomamos a decisión de elaborar un proxecto que servise de promoción, máis alá da promoción turística de nosa cidade, como elemento aglutinador e que sirva de referente a todas aquelas persoas que deciden visitarnos”.   Lembrou tamén Enrique Cabaleiro que Tui é “enclave fundamental” do Camiño de Santiago, referiuse á súa posición estratéxica do municipio, a un  “espazo urbano excepcional”, e ao seu carácter fronteirizo.  Destacou que para o municipio o turismo é un motor de desenvolvemento sostible vinculado ao territorio, á cultura e ás persoas. Nese senso explicou que este VIII Centenario da Catedral forma parte dunha “estratexia  máis ampla de valorización do patrimonio, de dinamización económica e de proxección exterior de Tui coma destino cultural, histórico e espiritual”.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez, foi a encargada de dar a benvida á esta primeira presentación en FITUR de “Tui, Catedral de Historias”, dando paso á proxección do audiovisual da campaña.  Avanza que o mesmo “non fala só de pedra, de arte ou de séculos de historia. Fala, sobre todo, de persoas: das persoas que conviven cada día coa Catedral, que a coidan, que a estudan, que a senten e que a transmiten como o que é, unha xoia patrimonial única e un motivo de orgullo tudense”. Salientou amais que esta efemérede é “un acontecemento de gran relevancia histórica, cultural e turística que marcará un 2026 emocionante para o noso municipio, cunha axenda cultural e de eventos que serán, sen dúbida, unha ocasión extraordinaria para visitar ou o motivo perfecto para volver visitar a nosa cidade”.

O acto contou tamén coa intervención do director de Turismo de Galicia, Jose Manuel Merelles, quen felicitou ao Concello de Tui polo traballo realizado que hoxe se presentou en FITUR. Asistiron o presidente da Deputación, Luís López, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o deputado autonómico, Moisés Rodríguez, e o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, entre outras autoridades e público. 

“Tui, Catedral de Tui”, terá unha nova cita este venres, ás 12.30 h en FITUR, nesa ocasion na sala de presentacións de Turespaña, onde se volverá a dar a coñecer esta campaña. 

Vídeo Tui, Catedral de Historias

Acto de presentación en FITUR de Tui, Catedral de Historias