Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A camelia protagonista da fin de semana en Tui

16/01/2026

O claustro da Catedral acolle a XI Mostra que reunirá a 75 expositores

Mañá ás 12.45  h inaugurarase no claustro da Catedral de Tui a XI Mostra da Camelia Cidade de Tui organizada polo Concello de Tui e ATUCA, Amigos Tudenses da Camelia. Este evento reunirá 75 expositores de Galicia, Asturias e Portugal que presentarán distintas variedades e innovacións. Esta cita súmase tamén aos actos conmemorativos do 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui. 

Serán 123 metros de exposicións nos que o público poderá admirar as distintas composicións creadas con mimo e enxeño para expor a flor da invernía.  O horario de apertura ao público será mañá sábado de 16.45 a 20.30 horas e o domingo de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20 horas.

Mañá coincidindo coa inauguración actuará a Asociación do Traxe Tradicional de Tui, e na clausura, o domingo contarase coa Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro que iniciará un pasarrúas dende a Corredoira ás 17.30 h. Dentro das actividades paralelas mañá ás 17.30 h no Espazo Sociocultural celebrarase unha charla-degustación de té.

A XI Mostra da Camelia Cidade de Tui será esta fin de semana unha cita imprescindible para os amantes desta flor e sendo un evento de referencia que pon en valor o patrimonio natural e cultural da cidade.