Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui entra na recta final de 39 días dunha programación de Nadal repleta de maxia e ilusión

2/01/2026

A programación de Nadal entra na súa recta final con actividades  até o próximo luns, 5 de xaneiro, que continuarán a brindar na cidade xornadas cheas de maxia e ilusión.

Mercado de Nadal abrirá de novo esta tarde para encarar as derradeiras xornadas de actividade. Cunha vintena de postos no Paseo da Corredoira e na praza da Inmaculada converteuse nun espazo de encontro, paseo e ambiente festivo. Hoxe venres poderá visitarse de 17 a 22 h, mañá sábado de 12 a 14 h e de 17 a 22 h, o domingo de 12 a 14 h e de 17 a 21 h, e o luns, a derradeira xornada, de 11 a 20 h.  No mesmo horario estará en funcionamento o Carrusel Infantil no que os máis pequenos e pequenas compartirán momentos inesquecibles.

A Fada do Aloia recibirá ao público na súa casa máxica na Corredoira hoxe venres de 18 a 20 h, e na fin de semana de 12 a 14 h e de 18 h a 21 h. Compartirá co pequenas e pequenos e con maiores a maxia da natureza, especialmente nestas datas de Nadal.

A música tamén estará presente neste peche do Nadal. O domingo ás 18 h actuará na Corredoira a Rondalla Santa Eulalia de Atios brindando sonoridades propias destas datas. 

Para pechar esta programación o luns os Reis Magos serán os protagonistas. Pola mañá de 10.30 a 14 h estará no Teatro Municipal recibindo xa aos nenos e nenas que desexen saudalos. Ás 17 h partirán dende as Cortinas de San Francisco, aos pés da Fortaleza de Valença, na Cabalgata Internacional de Reis que rematará na rúa Compostela, para a partir das 19.45 h volver ao Teatro Municipal, onde continuarán coa recepción real até ás 21 h. 

Tui despedirá así 39 días cheos de maxia, ilusión e momentos compartidos dentro da programación “Tui, o Camiño do Nadal”.