Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acende un Nadal cheo de maxia, luz e ilusión

22/11/2025

Será o próximo venres 28 de novembro ás 18.30 h na praza da Inmaculada

Tui prepárase para recibir ao Nadal. O próximo venres, 28 de novembro, a cidade acenderá a súa luz máis máxica e dará a benvida a estas festas cun programa que mestura tradición, creatividade e moita ilusión para grandes e pequenos.

A praza da Inmaculada converterase este ano no corazón dun Nadal luminoso e vibrante coa instalación dun impresionante abeto de 6,5 metros, chamado a ser a nova icona do Nadal tudense. Será aquí onde, ás 18.30 h, se realizará o acendido oficial nun acto máxico no que non faltarán elfos, música, a presenza da Fada do Aloia e mesmo unha delicada chuvia de neve que transformará este espazo nun auténtico escenario de conto.

Ese mesmo día abrirá ao público un dos grandes protagonistas destas festas: o Mercado de Nadal de Tui, que este ano medra e sorprende. Os seus 25 postos —entre casetas e furgonetas gastronómicas— distribuídos entre a praza da Inmaculada e o Paseo da Corredoira, configurarán un espazo único que recreará a estética e o espírito dos mercados de Nadal europeos que enchen de luz e tradición as cidades do continente.

O mercado, que permanecerá aberto até o 5 de xaneiro, converterase nun lugar de encontro e celebración, cunha oferta que inclúe artesanía, produtos locais, gastronomía e tradición, nun ambiente ideal para gozar en familia, con amigos ou en parella. Unha proposta que consolida Tui como destino de referencia nestas datas.

A decoración, coidada ao detalle e elaborada con materiais naturais e de refugallo, reforzará esa estética inspirada nos mercados do centro e norte de Europa. Este ano, entre os elementos máis destacados, atoparase tamén un photocall moi especial, decorado para que veciñanza e visitantes poidan levar consigo a súa propia postal de Nadal en Tui, inmortalizando así un recordo único destas festas.

Entre as grandes novidades destaca un fermoso carrusel que se instalará na praza da Inmaculada a partir de decembro, ofrecendo aos máis cativos unha viaxe máxica e inesquecible. Ademais de ser un atractivo para a cidade, convértese tamén nunha decidida aposta do goberno municipal polo comercio local: todos os tickets de compra superiores a 10 € nos establecementos tudenses poderán trocarse por unha viaxe gratuíta no carrusel, reforzando así o vínculo entre o tecido comercial e a celebración do Nadal.

A atmosfera máxica continuará no Paseo da Corredoira coa Casa Máxica da Fada do Aloia, un espazo encantado no que haberá obradoiros e encontros especiais para que nenos e nenas vivan unha experiencia única. Pola súa banda, Papá Noel instalarase no Mercado de San Antonio en decembro, onde recibirá á cativada no seu trono para escoitar desexos e repartir ilusión.

O tren da Eurocidade volverá ser outro dos elementos singulares destas datas, unindo o centro histórico valenciano co centro urbano de Tui nun percorrido especial que reforza a conexión transfronteiriza e o espírito compartido. Ademais, o tradicional Belén de Mingos poderá visitarse na Oficina de Turismo, converténdose un ano máis nun dos imprescindibles do Nadal tudense.

As rúas e prazas da cidade volverán lucir unha decoración creativa, coidada e respectuosa co medio, elaborada con materiais naturais e de refugallo, enchendo cada recuncho dese ambiente tan especial que distingue o Nadal en Tui.

Este ano, máis ca nunca, Tui convida a veciños, visitantes e familias a deixar que a luz os envolva, a redescubrir a cidade e a vivir un Nadal cheo de maxia. Porque cando Tui acende o Nadal… acéndese tamén a ilusión, a tradición e o espírito de compartir.