Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comeza Play Doc 2025

7/05/2025

A vixésimo primeira edición de Play-Doc comezará hoxe, mércores 7 de maio, ás 20:30 h, no Teatro Municipal de Tui, cunha xornada que combina cinema, música e poesía.

A inauguración desta edición comezará coa presentación dos directores do festival, Ángel Sánchez e Sara García, para continuar coas intervencións dos representantes institucionais: Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e Jorge Cubela, deputado de reto demográfico, mocidade e desenvolvemento rural e cultura.

Tras as intervencións, a programación abrirase con Traspielas, un espectáculo multidisciplinar que parte dos cantos tradicionais para explorar novas formas escénicas. Posteriormente, ás 22.30 h proxectarase a primeira película do festival, Queres saír podes entrar,  de Pablo Villalobos Lealun retrato singular do poeta Carlos Oroza no centenario do seu nacemento.  

Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, reafirma a súa vocación cinéfila cunha programación que recupera e reivindica cineastas de culto, figuras marxinais e singulares. O festival propón un percorrido por nomes como Monte Hellman, Elaine May ou Michael Roemer, xunto a rarezas como os filmes domésticos do galego Bernardino de Lamas ou a destacada selección de xoias recuperadas da historia do cinema indio.

Como cada ano, o cinema galego tamén ocupará un lugar central na programación, que reúne unha coidada selección de obras que exploran novas formas narrativas e debuxan un retrato plural e atento ao noso tempo. Ademais, o festival ofrecerá unha ampla proposta de actividades paralelas: concertos, espectáculos en espazos patrimoniais, cinema expandido, obradoiros ou encontros profesionais dirixidos á industria audiovisual.