Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui remata as obras de mellora nas pistas de tenis de Areas

30/04/2025

O Concello de Tui vén de rematar as obras de remodelación nas pistas de tenis municipais situadas en Areas, unha actuación que permite mellorar de xeito significativo estas instalacións deportivas de uso habitual por parte da cidadanía e do Club Tenis Tui.

As actuacións realizadas incluíron a renovación integral do valado perimetral, a recolocación do valado separador entre pistas, a substitución dos antigos focos por iluminación LED de maior eficiencia e menor consumo, así como o pintado dos vestiarios e do almacén, mellorando a imaxe e funcionalidade deste espazo deportivo.

Dende o Concello de Tui destacan que esta actuación responde ao compromiso do goberno municipal coa mellora continua das infraestruturas deportivas do municipio, ofrecendo espazos axeitados para a práctica deportiva en condicións óptimas.

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, sinala que "estas obras permiten dignificar unhas instalacións que son referencia para moitos usuarios e usuarias, e que contan cun gran dinamismo grazas ao traballo incansable do Club Tenis Tui, especialmente no ámbito do deporte base, formando a novas xeracións tanto a nivel deportivo como en valores.”

Dende o Concello quérese poñer en valor o excelente traballo que desenvolve o Club Tenis Tui, contribuíndo de maneira decidida á promoción do tenis entre nenos e nenas de Tui e comarca.

Estas obras supoñen un paso máis no apoio ao tecido deportivo local e na aposta por unhas instalacións de calidade, accesibles e modernas para todos os usuarios.