Canto coral, danza e teatro na programación das festas de San Telmo para mañá martes
Canto coral, danza e teatro son as tres propostas que mañá se poderán disfrutar dentro da programación das festas de San Telmo.
O programa comezará ás 16.30 h na Residencia San Telmo coa actuación da Coral San Telmo.
Ás 18 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, haberá unha demostración de medio centenar de alumnos e alumnas da Escola de Danza Paula Cobián, que é unha novidade na programación de festas. Realizarán unha mostra do traballo que realizan a diario na Escola nunha clase de Ballet nos distintos grupos. Tamén presentarán tres coreografías coa que van participar este sábado en Lugo no encontro que se celebrará con motivo do Día Internacional da Danza.
Xa ás 21 h no Teatro Municipal comeza a XV Semana de Teatro Amador. O grupo de teatro A Insua de Caldelas será o encargado de abrir esta programación coa estea de “Habelas Hainas”. Baixo a dirección de Sofía González en escena Ana Pena González, Marisa Villaverde González, Consuelo Besada Gándara, Rosa María González Núñez, Gabriel López González, Sofía Pimentel Fernández, Josefa Carrera Núñez, Vanesa Villar Costa e María Del Mar Alonso Ubiña. “Habelas Hainas” é unha comedia onde Vicenta, unha vidente un tanto peculiar, e Jonás, o seu asistente escéptico, enfróntanse á morte do Sr. Pérez. Entre unha viúva, espíritos, veciñas excéntricas e a procura da herdanza, a obra explora a tensión entre crenza e realidade, e a importancia de vivir o presente. A obra é unha sátira que, entre risas, convida a reflexionar sobre a vida, a morte e os coidados.
As entradas, ao prezo de 2€, están á venda en tui.gal e poderán mercarse mañá martes dende ás 20 h no despacho de billetes do Teatro Municipal.