Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Xunta de Galicia aproba a declaración de todo o Municipio de Tui como Zona de Afluencia Turística

12/09/2012

Posibilita a apertura comercial de 10,0 a 24,00 todos os días

 

A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia ven de aprobar con data 5 de setembro a proposta motivada presentada polo Concello de Tui  para a determinación de todo o municipio de Tui como zona de afluencia turística de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, de horarios comerciais de Galicia, establecendo como franxa horaria de apertura comercial dende as 10,00 horas ata as 24,00 horas, durante todo o ano, inclusive domingos e festivos.

 

Segundo a expresada Resolución esta declaración terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre que quede acreditada a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial.

 

A adopción desta Resolución ven motivada polo acordo plenario adoptado maioritariamente polo Concello de Tui e que contaba cos informes favorables tanto da Cámara de Comercio como da Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui (Acitui) sendo posteriormente solicitado o informe preceptivo da Secretaria Xeral para o Turismo que foi de caracter favorable para esta declaración.

 

O Alcalde de Tui agradece a rápida tramitación desta resolución que posibilitará que a condición comercial da nosa cidade poida reforzarse favorecendo deste xeito a creación de emprego e o desenvolvemento socio-económico do noso concello. Moisés Rodríguez insiste que esta Resolución é froito do traballo que o goberno municipal a prol da creación de emprego no noso municipio e de promover as condicións axeitadas para a consolidación do noso tecido comercial como unha das bases económicas do noso municipio.

 

Segundo o estudo elaborado pola Universidade de Vigo este novo réxime de apertura horarias posibilitará a xeración de entre 50 e 100 empregos directos, amais dos indirectos. Tui, que se iguala así á cidade de Valença na súa ampla franxa horaria comercial, consolida a súa posición como capital relacional e de servizos do Baixo Miño e impulsa a súa vocación de cidade de servizos na dinámica metropolitana de Vigo e da Eurorrexión.