Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A xunta de galicia achega unha subvención para o acondicionamento de parcelas no entorno do paseo fluvial

4/12/2013

Mércores, 4 de decembro de 2013. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís , visitou hoxe Tui para reunirse co alcalde Moisés Rodríguez e comunicarlle a aprobación dunha subvención destinada ao acondicionamento do paseo fluvial. No encontro estivo tamén presente o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Esta axuda outórgase ao abeiro da orde de subvencións emitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no Diario Oficial de Galicia (DOG) para o desenvolvemento de actividades de conservación dos recursos naturais e fomento de accións para a poboación local para o desenvolvemento dos espazos declarados como parques naturais para os anos 2013, 2014 e 2015.

O obxectivo da orde á que se acolleu o Concello de Tui é, en palabras de Jose Manuel Cores Tourís, fomentar o desenvolvemento socioeconómico das terras agrícolas e a mellora da calidade de vida das poboacións locais situadas dentro dos espazos protexidos a través de accións que contribúan á mellora das paisaxes, á recuperación de elementos históricos patrimoniais e a aumentar o valor de recreo público destas zonas.

Con tal motivo o concello de Tui presentou un proxecto co obxectivo de mellorar as fincas situadas no paseo fluvial da cidade mediante o acondicionamento destas parcelas levando a cabo desbroce e limpeza da vexetación existente, instalación de mallas antiherbas, implantación de plantas tapizantes e un sistema de rego por goteo. As accións axudarán a pór en valor a fachada fluvial na zona do casco histórico tudense.

Este proxecto desenvolverase cun investimento de 15.125 euros tendo en conta a axuda da Xunta e o IVE do que se fará cargo o municipio.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradeceu a colaboración da administración autonómica co municipio xa que este investimento axudará a frear o deterioro das parcelas e adecuar a paisaxe deste entorno histórico e natural.