Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unha trintena de artesáns galegos e portugueses participan na feira que na fin de semana se celebra en Tui

2/05/2012

Terá lugar na rúa Ordóñez e nas prazas do Concello, de San Fernando e da Misericordia

 

A artesanía vai ser a protagonista esta fin de semana en Tui en distintos espazos do conxunto histórico. Unha trintena de artesáns galegos e portugueses van amosar as súas creación na décimo sexta Feira de Artesanía que organiza a Concellería de Cultura de Tui co obxectivo de darlle pulo e promocionar os produtos artesáns.

 

A feira foi presentada esta mañá na Casa do Concello polo alcalde, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, xunto a sete artesáns tudenses.

 

A XVI Feira de Artesanía presentará como principal novidade, tal e como explicaba a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, a recuperación do seu emprazamento inicial na rúa Ordóñez, paralela ao céntrico Paseo da Corredoira, na Praza do Concello, a Praza de San Fernando e a Praza da Misericordia.  Na mesma daranse cita trinta artesáns, con carta de artesán, do que 7 son Tui, 10 da provincia de Pontevedra, 5 da Coruña, 1 de Ourense, 1 de Lugo e 2 de Portugal.  

 

Nos diferentes postos poderanse ver pezas de marroquinería, olería, cestería, cerámica, pratería, vidro, xoiería, instrumentos tradicionais, xoguetes, macramé ou mosaicos.  Amais os artesáns estarán traballando en vivo os dous días da feira. Tamén se contará coa presenza da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño que elaborarán na fin de semana as súas creacións na Praza da Misericordia. Esta mañá na presentación estaban Paco que fai distintos obxectos de cestería con médula de xunco, Patricia que pinta camisetas, Celia que aplica a técnica de decoupage e recicla materiais como anillas de latas de refrescos ou cubertos. 

 

Emilia achegará distintas pezas de cerámica, e Mª José presentará distintos obxectos de cestería. Mentres Cani e Pilar da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño explicaban que o obxectivo principal deste colectivo é fomentar o encaixe de bolillos nunha liña clásica. Aínda así nas súas creacións hai sempre innovacións coma abanicos, flores ou pulseiras de encaixe.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez salientou na súa intervención que grazas ao traballo de moita xente esta cita foise facendo un oco nas feiras de artesanía que se celebran en Galicia. Esta é unha oportunidade, engadía, para que os artesáns presenten os seus productos, pero tamén repercute positivamente no comercio local.

 

Inauguración o sábado ás 12h

A inauguración terá lugar o sábado ás doce do mediodía actuando a continuación o grupo folclórico Inquedanzas de Pazos de Reis. Pola tarde ás seis actuará o grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro e ás oito Xuntanza de Randufe. Mentres o domingo a programación contempla a actuación do Grupo folclórico San Fins de Rebordáns ás doce do mediodía, o grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro ás seis da tarde e Seixos Albos de Areas ás oito.  A Feira abrirá tanto sábado como domingo de 12 a 22h.

 

 

Restricións no tráfico

 

Debido á celebración da XVI Feira de Artesanía non se poderá estacionar nin circular pola rúa Ordóñez, Porta da Pía, Seixas, Praza do Concello e Párroco Rodríguez Vazquez dende o venres 4 de maio ás 7 da mañá ata o luns ás 15h.

 

 

XVI Feira de Artesanía

Data: Sábado 5 e domingo 6 de maio de 12 a 22h

Lugar: na rúa Ordóñez, Praza do Concello, Praza de San Fernando e Praza da Misericordia

Programación

-          Sábado 5

  • Ás 12h inauguración e actuación do grupo folclórico Inquedanzas de Pazos de Reis
  • Ás 18h Grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro
  • Ás 20h Grupo folclórico Xuntanza de Randufe

-          Domingo 6

  • Ás 12h Grupo folclórico San Fins de Rebordáns
  • Ás 18h Grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro
  • Ás 20h Grupo folclórico Seixos Albos de Areas

-          Organiza: Concellería de Cultura de Tui

-          Colabora: Asociación de Palilleiras do Baixo Miño