Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unha ruta ornitolóxica abre este domingo os percorridos pola natureza en Tui

24/04/2024

É preciso inscribirse na Oficina de Turismo. Ofértanse 25 prazas.

Andoriñas, rulas, bubelas, paporrubios, xílgaros, miñatos, ou garzas serán algunha das aves que se poderán observar este domingo na primeira das actividades das Rutas na Natureza que organiza o Concello de Tui, a través da concellería de Turismo.

A cita será este domingo, 28 de abril, ás 10 h dende a praia da Mariña, no Paseo Fluvial. Dous guías da Sociedade Española de Ornitoloxía, SEO Birdlife conducirán a Ruta Ornitolóxica pola beira do Miño, que terá unha duración estimada de 3 horas e media. Na mesma contarase con prismáticos, dous telescopios terrestres e unha guía de especies para observar as aves Ofértanse 25 prazas. As persoas interesadas poden inscribirse gratuitamente na Oficina de Turismo, no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05. Poderase anotar a persoa solicitante e un máximo de tres acompañantes. No momento de cubrir as 25 prazas ofertadas crearase unha listaxe de agarda.