Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui recibe unha subvención de 600 mil euros do Consello Superior de Deportes para a reforma do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez

22/09/2021

A execución das obras comezarán en breve

O Concello de Tui vén de recibir a comunicación por parte da subdirección Xeral de Promoción e Innovación Deportiva da concesión por parte do Consello Superior de Deportes dunha subvención de 599.863,23€ dentro das axudas ás corporacións locais e empresas públicas municipais do ano 2021 para obras de accesibilidade e obras en infraestruturas deportivas relacionadas coa celebración de competicións de carácter internacional. 

Estes case 600 mil euros destinaranse á reforma do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez, sede do Club Kaiak Tudense que organiza anualmente ao Descenso Internacional do Miño. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosaba a súa satisfacción pola concesión desta  subvención que cubrirá a práctica totalidade do investimento previsto, e que inicialmente se ía asumir con cargo ao remanente de tesourería.  Con esta actuación renovaranse completamente as instalacións que datan do ano 1987. A proposta a executar buscará abrir a zona de adestramento, na planta baixa, ao Miño, cun sala de espera, entrada lateral, acceso adaptado, almacén de piraguas, e vestiarios. Mentres, no primeiro andar que aumentará en volume, plantéxase a zona administrativa, crearase unha zona de fisioterapia, sala de descanso, zona de sauna, hidromasaxe, crioterapia e vestiarios, e se manterá a zona de ergómetros. O edificio contará con novas entradas de luz natural e toda a fachada será revestida dunha “pel” que lle dará homoxeneidade e a integrará no entorno.  

As obras comezarán en breve xa que o proxecto foi xa licitado e está pendente de completar o proceso de adxudicación. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que con este proxecto reformarase o centro municipal de piragüismo que era a única instalación deportiva de carácter público que non fora obxecto de obras nos últimos anos.