Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui despide o Entroido co Enterro do Bacallau

16/02/2024

Sairá ás 19.30 h dende a praza de San Fernando para rematar no aparcamento municipal

Tui prepárase para despedir o Entroido este domingo co Enterro do Bacallau que reunirá a máis de mil persoas participando activamente nunha festa que conta con gran tradición na cidade. Máis aló das persoas integrantes das doce comparsas que o martes participaron no Desfile-Concurso, son moitas outras as que neste día completamente vestidos de loito se suman á comitiva para acompañar ao bacallau. Son xa moitos os que dende primeira hora da mañá comezan a festa nas rúas de Tui, e participan en xantares protagonizados por pratos de bacallau.

Xa o Enterro propiamente dito comezará ás 19.30 h na praza de San Fernando. A comparsa “Terra dos mil segredos” da Asociación Cultural “O Borralliño” de Soutelo, de Salceda de Caselas, gañadora na categoría absoluta e na de carrozas no desfile do pasado martes, son os encargados da fabricación do Bacallau e serán os portadores.  Na propia praza procederase á lectura das coplas, para logo iniciar o percorrido polas rúas Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira,  Augusto G. Besada, Ourense e Aparcadoiro Municipal, onde terá lugar a cerimonia de incineración para dar remate á festa. 

Debido á celebración do Enterro do Bacallau o domingo de 10 a 22 h non se poderá estacionar no aparcamento municipal na traseira do edificio Francisco Sánchez.