Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui contará cun novo obradoiro de emprego cun investimento de 310 mil euros dos que 195 mil serán aportados pola Xunta No formaranse 22 de persoas durante seis meses

8/08/2013

Mércores, 7 de agosto de 2013. O Concello de Tui contará cun novo Obradoiro de Emprego concedido pola Xunta de Galicia que comezará a funcionar antes do próximo 1 de outubro. O seu obxectivo será a segunda fase da rehabilitación da antiga escola de Chans, en Randufe, para convertela nun viveiro de empresas.

 

Este obradoiro foi presentado este mediodía pola directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, xunto ao alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, no concello, nun acto no que estivo tamén presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e varios concelleiros do equipo de goberno.

 

O novo obradoiro de emprego suporá un investimento superior aos 310 mil dos que 195 mil serán aportados pola Xunta e 115 mil polo Concello. No mesmo formaranse nos módulos de albanelería, pintura e acabado de mobles, durante 6 meses,  22 persoas maiores de 18 anos. Precisamente unha das novidades desta actividade formativa, segundo explicaba a directora xeral de Emprego, é que a idade mínima baixou dos 25 ao 18 anos, para dar así a oportunidade de formarse tamén a xente máis nova.

 

Ana María Díaz explicou que este é un dos 50 obradoiros que se van celebrar en Galicia, destacando que foi elixido pola comisión de valoración pola calidade do proxecto presentado polo Concello.  Engadía que este proxecto é importante porque por unha banda 22 persoas se van formar durante seis meses obtendo o certificado profesional, tendo neste tempo un contrato de traballo. Pero amais a súa execución suporá para o Concello de Tui poder satisfacer a necesidade de rehabilitación da antiga escola de Chans.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradeceu a Xunta a concesión deste novo obradoiro de emprego, apenas un meses despois de que rematase o último impartido na cidade, un feito – a concesión de dous obradoiros seguidos – que dicía non é moi habitual.  Fixo fincapé o rexedor en que o obxectivo da rehabilitación da escola de Chans será a ubicación neste lugar dun viveiro de empresas, co que fomentar tamén o emprendimento. Neste proxecto sinalaba que xa se amosou interesada a Cámara de Comercio de Tui.