Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acollerá do 23 de marzo ao 12 de maio o I Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre

13/03/2013

Mércores, 13 de marzo de 2013. Tui acollerá do 23 de marzo ao 12 de maio o I Curso de Monitor de Actividade de Tempo Libre organizado pola Escola de Tempo Libre “Tempus” e Actividades Acuáticas do Alto Minho-Baixo Miño coa colaboración do Concello de Tui e da Xunta de Galicia.

 

Esta actividade formativa foi presentada esta mañá polo concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, e por responsables de  Actividades Acuáticas do Alto Minho-Baixo Miño, Juan José España e Leticia Diz.

 

O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, explicaba que é necesario que faga un curso destas características en Tui tanto polas empresas de tempo libre que hai no municipio como polas actividades que se realizan. Engadía que hai unha demanda importante deste cursos sinalando que “Tui como centro neurálxico do deporte activo ten a obriga de facelo”. Nicolás Lorenzo apuntaba tamén que este é un curso  moi interesante e moi competitivo en canto a prezo. O concelleiro de Deportes manifestaba tamén que proximamente se vai a reunir coas empresas de turismo activo que hai no municipio para marcar unha folla de ruta e liderar o filón en turismo e deportivo activo que hai no concello.

 

Leticia Diz, de Actividades Acuáticas Alto Minho-Baixo  Miño, que será amais unha das monitoras deste curso, indicaba que esta actividade vai dirixida a persoas con 18 anos cumpridos, que estean en posesión do graduado escolar ou equivalente. Explicaba que “consideramos que o curso é unha boa ferramenta para abrirse camiño sobre todo de cara ao verán e tendo e conta as condicións da contorna”.

 

Juan José España, presidente de Actividades Acuáticas Alto Minho-Baixo  Miño, destacaba que o club que preside é a primeira vez que estable unha colaboración na área da formación. Explicaba que o alumnado unha vez remata a actividade lectiva realizará prácticas en empresas, engadindo que as propias empresas da zona poderán contar tralo curso con profesionais da contorna para a súas actividades.

 

Esta actividade conta con 200 horas teóricas e 150 horas de prácticas. As clases terán lugar durante a Semana Santa e nas fins de semana en horario intensivo de 9 a 14h. e de 16 a 20h.  O prezo do curso é de 180€ podendo aboarse en dous prazos. Para impartilo é preciso contar cun mínimo de 20 persoas.

 

Os interesados poden acadar máis información e inscribirse ata o 22 de marzo no 610 27 22 89 ou no correo baixomino.club@gmail.com.

 

 

Curso Oficial