Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle a exposición "La Guerra de la Independencia en Galicia, hechos y armas" ata o 5 de decembro

24/11/2006

TUI ACOLLE A EXPOSICIÓN “LA GUERRA DE LA INDEPENDENCIA EN GALICIA. HECHOS Y ARMAS”
Inaugúrase mañá na Sala Municipal de Exposicións coa presenza dun grupo de uniformados de época napoleónica

Na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui será inaugurada mañá a exposición “La guerra de la Independencia en Galicia. Hechos y armas. Prolegómenos del II Centenario” que está organizada pola Asociación Histórico Cultural “The Royal Green Jackets” da Coruña e conta coa colaboración do Museo Militar da capital herculina e da “Asociación Héroes de la Guerra de la Independencia” de Pontevedra e co patrocinio da Dirección General de Relaciones Institucionales do Ministerio de Defensa.
Na exposición os visitantes poden contemplar numerosos obxectos relacionados con este acontecemento histórico, dende uniformes orixinais de soldados franceses ou españois, con especial mención á casaca de xeneral do Marqués de la Romana, máxima autoridade do exército español en Galicia, ata a reproducción dunha tenda de campaña dun oficial do exército español instalada no centro da exposicións ou unha peza de artillería daquela época. Figuran tamén na mostra outros obxectos relacionados con esta contenda bélica, soldados en miniatura, bandeiras, chapeus, etc. No percorrido pola exposición exhíbese tamén unha ampla colección de láminas, do ilustrador Francisco Vela Aguado, cos uniformes das tropas que participaron naquela guerra, tantos hispanas como francesas.
Unha das pezas máis interesantes é unha maqueta da cidade de Tui, propiedade de Alejandro Pardo, que de seguro suscitará o interese dos visitantes á exposición. Amósanse así mesmo diversos documentos históricos vencellados á Guerra da Independencia e ao seu primeiro centenario, incluso co listado dos veciños de Tui que apoiaron a iniciativa promovida pola Condesa de Pardo Bazán para a erección dun monumento conmemorativo na cidade de Pontevedra. Completa a exposición unha escolma de documentos orixinais da época, tanto do mariscal Ney, do Marqués de la Romana, das Alarmas do Baixo Miño, etc.
Na inauguración a celebrar mañá sabado ás 13,00 horas está prevista a presenza en Tui dun grupo de fusileros uniformados, tanto do exército español como francés, da Asociación Histórico Cultural “The Royal Green Jackets” que organiza na cidade da Coruña a recreación histórica da batalla de A Coruña ou de Elviña, na que participan uniformados procedentes de varios paises europeos.
Tanto para as entidades organizadoras da mostra como para o Concello de Tui, a través da súa Concellería de Cultura, esta exposición quere sinalar un camiño que cómpre percorrer nos vindeiros anos para reclamar o importante papel que tivo Tui e a súa provincia neste período da nosa historia contemporánea.