Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A programación cultural do segundo semestre oferta 19 actividades no verán e 12 espectáculos no outono

12/07/2013

Venres, 12 de xullo de 2013. Está xa na rúa un novo número, o 26, da Axenda Cultural Corredoira que recolle a programación cultural de Tui correspondente ao segundo semestre de 2013.  Este programa o conforman 19 actividades a realizar nos meses de xullo e agosto, e 12 máis que terán lugar no Teatro Municipal de outubro  a decembro. O orzamento total destas actividades acada os 100 mil dos que o Concello de Tui aporta o 50%.

 

A presentación desta programación tivo lugar esta mañá na Casa do Concello a cargo da concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, acompañada por Andrea González, directora do IKFEM, Ramón Araujo, da organización da Noite Internacional do Miño, e Samuel Diz, director de Música no Claustro.

 

Vanesa Rodríguez explicou que na programación do verán  a principal novidade é a celebración do IKFEM do 17 ao 22 de xullo, que se suma a citas clásicas e consolidadas como a Noite Internacional do Miño, o Festival de Bandas, o cinema na rúa, e Música no Claustro que explicaba se celebra nun espazo único.  Tamén avanzou que se celebrará unha nova edición da Festa do Miño que se vai consolidando como a aposta do verán por parte de distintas concellerías.

 

Con respecto á programación de outono destacou que a conformarán 12 espectáculos de música, teatro e maxia dos que 5 serán infantís. Destacou amais a presenza de dous espectáculos portugueses dentro do programa TrocoxTroco.

 

A primeira das actividades a celebrar vai ser o IKFEM, Internacional Keyboard Festival, que segundo explicaba a súa directora, Andrea González, é un proxecto novidoso que auna un programa de formación ao través de Master Classes e concertos de piano.  Á parte formativa impartida por Vicenzo Balzani e Rasa Biveiniene asistirán 8 alumnos activos e 3 como oíntes de Italia, Xapón, Portugal e España. Mentres na parte concertística oferta 10 sets nos que estará presente toda a familia do piano. Tres se van celebrar no Teatro Municipal de Tui e os outros sete na Catedral, na Igrexa de Santo Domingo, no Palco da Música e na Praza de San Fernando en Tui, así como na Igrexa de Santa María dos Anjos e na antiga Afándega de Valença. Tamén están previstas visitas guiadas e anuncian tamén que haberá sorpresas.

 

O martes 23 vaise celebrar no Parque do Laxal en Rebordáns a XIV Noite Internacional do Miño organizada pola Escola de Música  e Baile San Fins. Ramón Araujo, membro da organización, explicou que este ano contarán coa presenza de grupos de México, Taiwan, Serbia e Polonia, conformando un espectáculo que agardan volva ser un éxito.

 

Samuel Diz, director de Música no Claustro, sinalou que nesta novena edición volven realizar unha aposta polos novos músicos de Tui dándolle unha oportunidade para actuar na casa. Engadía que este ano o festival estará dedicado á creación contemporánea e volverán estar presente o grupo residente do festival Acadacanto, presentado o seu proxecto artístico. Samuel Diz manifestou amais sentirse moi contento ante o novo reto que significa contar como novo patrocinador co Xacobeo. Nese senso expuña que Música no Claustro aposta polo turismo cultural e de calidade. Celebrarase do 7 ao 11 de agosto.

 

A programación do verán complétase con tres proxeccións de cinema infantil o 24 de xullo, o 2 e o 23 de agosto coas películas “As aventuras de Tintín: o segredo do unicornio”, “Vicki o viquingo” e “Os pitufos”.  Amais o 1 de agosto actuará o pallaso Peter Punk, e o 14 de agosto celebrarse o Festival de Bandas de Música coa actuación da Banda de Música Popular de Tui xunto a Banda de Música Muicipal de Agolada.

 

Xa na programación de outono estarán presentes as compañías Malasombra, Talía Teatro, Cia Teatro Braga e Seiva Trupe con teatro para adultos. A música correrá a cargo de Os Cempés e do concerto de Fin de Ano. Tamén actuará o monologuista Carlos Blanco. E os cativos poderán disfrutar dos espectáculo de La Canica, Eme2, A nena e o grilo, Dani García e Elefante Elegante.

 

Toda esta programación pode consultar na Axenda Cultural Corredoira da que se editaron 15 mil exemplares. Tamén está accesible na web www.culturatui.info.