Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Os espectáculos de Omiri e Xosé Lois Romero & Aliboria protagonizan o concerto de apertura do MUMI 2022

29/09/2022

A organización aposta por dúas impactantes propostas escénicas que poñen o foco na experimentación a partir das músicas de raíz

O proxecto galego de Xosé Lois Romero & Aliboria e o artista portugués Omiri, subirán ao palco do Jardim Municipal de Valença hoxe ás 22:00 h ES - 21:00 h PT para ofrecer dous espectáculos que se centran nas músicas de raíz, unha aposta que desde a organización se entende como a necesidade de promover a música tradicional interpretada desde unha visión contemporánea, como forma de garantir o seu futuro; unha tradición máis viva ca nunca, que está logrando posicionar as músicas de raíz de ambos territorios na vangarda da experimentación e nos tops das listas de reproducións.

Xosé Lois Romero & Aliboria vannos presentar as novas cancións publicadas neste 2022. Máis dunha ducia de músicos e músicas, armados só coa súa voz e a percusión tradicional galega; percusións clásicas de pandeiros, pandeiretas ou bombos, e percusións populares que se usaban na Galiza a principios do século XX: latas de pementón, chaves, tixolas, ou ferramentas para tallar a terra. As voces, todas femininas, harmonizan dun xeito tan sensible como salvaxe. Como se un coro da igrexa cantase a "haka" da selección de rugby de Nova Zelanda. Unha bestialidade marabillosa.
 
Pola súa parte, o portugués Omiri vai sorprender cunha mestura de músicas e paisaxes sonoras de todo Portugal nun mesmo espectáculo. Empregando vídeos con gravacións de campo manipuladas para servir de base musical á composición e improvisación de Vasco Ribeiro Casais, recupéranse prácticas musicais xa esquecidas, facéndoas permeables e accesibles á cultura dos nosos días, sincronizando formas e músicas da tradición rural portuguesa. Nos últimos anos Omiri consolidouse como un dos proxectos musicais máis internacionais de Portugal, levando a cultura portuguesa ás principais salas e festivais do mundo. En directo, Vasco Ribeiro Casais actúa con Maria Antunes, Guilherme Brak-Lamy e Rafaela Pinto, tres danzarin@s que dan corazón ás coreografías de Filipa Peraltinha nunha mestura de hip-hop, danza contemporánea e tradición.
 
O concerto está aberto ao público xeral con entrada libre.