Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O xornalista e escritor Tucho Calvo presenta hoxe o seu libro sobre Valentín Paz Andrade na Biblioteca Municipal de Tui

25/04/2012

A Biblioteca Municipal de Tui organiza hoxe xoves, 26 de abril ,ás 20.00 horas, na Sala Félix Rodríguez González, a presentación da reedición, corrixida e aumentada, do libro “Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX”, de Tucho Calvo, que é editado agora por Biblos.

 

Valentín Paz-Andrade (1898-1987), a figura que a Real Academia Galega elixiu para protagonizar o Día das Letras Galegas do 2012, fixo nos anos que precederon a súa morte un amplo repaso da traxectoria vital que o converteu en home clave na historia do século XX galego. Era a comezos dos anos oitenta, na súa casa a carón da praia viguesa de Samil, e servíanlle de fío conductor as preguntas dunha entrevista do xornalista Tucho Calvo.

 

No longo diálogo, narra as vivencias de quen tivo unha presenza sobranceira non só na política galega, senón tamén na cultura e no mundo empresarial, participando en fitos como o nacemento do Partido Galeguista

 

Para Tucho Calvo é un acerto a dedicación do  Día das Letras Galegas a Paz-Andrade pois “se homenaxea a un personaxe que é admirable por moitos sectores. Non destacaba só nun determinado ámbito cultural, senón que é o home no que pode verse reflectida a mellor sociedade galega. Desde os avogados, os empresarios máis emprendedores, aqueles que ven Galicia situada no mundo... Tamén é o político que loitou permanentemente polo país”.

 

Para a concelleira de cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, coa presentación desta obra trátase de promover o coñecemento desta egrexia figura de Galicia tan de actualidade nestes momentos inmediatos á celebración do “Día das Letras” e agradece o interese do autor e a editorial Biblos por achegar a Tui esta presentación. Esta actividade, engade a concelleira tudense, forma parte da ampla programación que organiza a Biblioteca Municipal tudense nos meses de abril e maio e que, baixo o nome de “Mes dos libros” promove diversas actividades de difusión do libro e a lectura.