Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Teatro Municipal de Tui celebra os 10 anos de actividade cunha variada programación

25/03/2013

Vén recollida no número 25 da Axenda Cultural Corredoira

 

Venres, 22 de marzo de 2013. O próximo 11 de abril o Teatro Municipal de Tui cumprirá dez anos de actividade. Non haberá unha celebración concreta senón toda unha programación a desenvolver ata finais de maio xa que o importante é “o mantemento da actividade” tal e como se expuña esta mañá na presentación da nova programación cultural de Tui que se recolle no número 25 da Axenda Cultural “Corredoira”.

 

A programación do Teatro Municipal conta cun orzamento de 10 mil euros, un 10% menos que en 2012, e procede integramente de fondos municipais. Estes datos foron dados a coñecer esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Educación e Cultura, Vanesa Rodríguez, xunto a Eduardo A. Rodríguez “Tatán” de Títeres Tanxarina e Manuel Pombal de “Fulano, Mengano e Citano”, que son dúas das compañías que nas próximas semana actuarán neste espazo.

 

A concelleira de Educación e Cultura, Vanesa Rodríguez, explicou que desta “Corredoira” nº25 se editaron 15 mil exemplares que serán distribuídos en domicilios de Tui, de Valença e en establecementos públicos. Apuntaba que esta publicación é todo un referente, recolléndose na mesma tanto os sete espectáculos que haberá no Teatro Municipal entre o 19 de abril e o 24 de maio con cinema, teatro, monicreques e música; como outras actividades que se van celebrar no marco das festas de San Telmo, ou as feiras de Artesanía e o Libro. Tamén figura a programación tanto da Sala de Exposicións Municipal como da Biblioteca Pública Municipal.

 

Vanesa Rodríguez, en referencia aos dez anos  de actividade no Teatro Municipal puña de relevo o apoio logrado por parte do público pasando de 230 espectadores de media nos cincos primeiros anos aos 290 espectadores de media nos últimos cinco anos. O importante salientaba que é “poder manter unha programación estable e de calidade”.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinalaba que estes dez anos de Teatro Municipal supuxeron traballar no camiño dunha programación de calidade, galega, ampla e variada e cunha aposta clara pola cultura. Incidía en que cada unha das vinte e cinco axendas publicadas ata o momento “resumen a nosa historia”. O mandatario municipal salientaba tamén a situación privilexiada na que se atopa Tui no marco da Eurocidade, ao tempo que agradecía a fidelidade do público. Concluía manifestando que “se neste momento complicado as administracións públicas non nos seguimos volcando en seguir programando mal imos” repetindo a súa máxima de que “a cultura é un investimento rendible”.

 

Eduardo A. Rodríguez “Tatán” explicou            que este ano están a celebrar os 25 anos do espectáculo “Titiricircus” e os 30 anos da compañía, engadindo que “vir nestas condicións de celebración a Tui é moi importante”. “Tatán” explicaba que “para Tanxarina Tui é un referente no noso traballo porque sempre tivemos a oportunidade de vir a este teatro”. Gababa amais que a labor de programación que realiza dende a cidade, máis nestes momentos, o que fai dicía “que se respire certa normalidade da que todos precisamos”.

 

Manuel Botana, de “Fulano, Mengano e Citano”  tiña tamén palabras de agradecemento para Tui, indicando que “Tui no sur da provincia é referencia hai moitos anos” e engadía que detrás de cada axenda cultural hai moito traballo de todas as persoas que durante estes anos mantiveron a programación. Manuel Botana indicaba que “Tui é un lugar máxico porque a xente asiste ao teatro” e isto é froito do traballo realizado.  

 

A programación no Teatro Municipal comezará o venres, 19 de abril, coa proxección da película “O Apóstolo”. Ao día seguinte, sábado 20, Fulano, Megano e Citano leva a escena “A louca historia de Galicia”. Mentres o mércores 24 de abril renderase un tributo a Zeca Afonso por parte da Banda Cervmusic, e o Coro Xuvenik da Academia Fernandes Fao.

 

O venres 26 Tanxarina Títeres presentará “Titiricircus”. A seguinte cita será o 10 de maio con “Días sen Gloria” a nova montaxe do CDG.  A música volverá estar presente o 16 de maio co grupo Noitarega presentando o seu novo traballo “XXI”. E por último pechará esta programación Talía Teatro coa obra “Pequena”.

 

Na Axenda Cultural “Corredoira” tamén se recollen algunhas da actividades que forman parte das Festas de San Telmo como a Coroación das Raíñas e a lectura do pregón das festas do sábado 30 de marzo, e o Festival Folclórico que terá lugar ao día seguinte. Así como o concerto que a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín ofrecerá o luns 8, ou a Semana do Teatro Afeccionado que se celebrará do 1 ao 6 de abril.

 

Outra actividades recollidas nestas publicación son a XVII Feira de Artesanía, a Feira Libro Galego, xunto ás exposicións que se van poder visitar na Sala Municipal, e as actividades da Biblioteca Municipal.

 

Toda a programación pode consultarse na Axenda Cultural Corredoira e na web www.culturatui.info.