Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O sábado 7 de setembro celebrarase a III Travesía a Nado Eurocidade 2013

30/08/2013

Agárdase que un centenar de persoas participen nesta proba popular

 

Xoves, 29 de agosto de 2013. O sábado 7 de setembro vaise celebrar a III Travesía a Nado da Eurocidade organizada pola Eurocidade Tui-Valença. Na mesma agárdase reunir a un centenar de participantes que terán que completar o percorrido de 900 metros que separa o cais de Valença da praia da Mariña en Tui. Os nadadores terán a corrente a favor para realizar o traxecto e poderán empregar aletas.

 

Esta proba deportiva foi presentada esta mañá no Concello de Tui polo alcalde, Moisés Rodríguez, xunto ao concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, o concelleiro José Ángel Villaverde e o presidente do Club de Actividades Acuáticas Alto Minho-Baixo Miño, Juan José España.

 

A inscrición para esta proba deportiva é gratuíta e pode facerse ata o 6 de setembro en deportes@concellotui.org ou en piscinavalenca@gmail.com ou o mesmo día da proba no Centro Interfederado. O participantes, terán que ter un mínimo de 12 anos, e deberán aportar un quilo dun alimento non perecedoiro. O recollido será doado despois aos bancos de alimentos de Tui e Valença dotando así á proba dun compoñente solidario.

 

A competición comezará ás 17.30h, polo que os participantes deberán estar unha hora antes no Centro Interfederado dende onde serán trasladados en autobús ao punto de saída no cais de Valença.

 

Os patrocinadores da proba, Arena e Kiwi Atlántico, agasallarán aos participantes cun gorro de natación e avituallamento á chegada.  Neste evento cóntase amais coa colaboración de Protección Civil de Tui, a Cruz Vermelha de Valença, e os Bombeiros Voluntarios de Valença.

 

Na presentación realizada esta mañá na Casa do Concello o presidente do Club de Actividades Acuáticas Alto Minho-Baixo Miño, Juan José España, salientou o carácter popular desta proba de natación. Puxo de relevo amais o dispositivo de seguridade que haberá no río con tres embarcacións de apoio, canoas no traxecto e vixilancia para evitar calquera incidencia.

 

O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, explicou que esta Travesía a Nado completa o programa de actividades deportivas desenvolvidas ao longo do verán organizadas pola Eurocidade na contorna do río Miño.  O edil agarda que esta proba vaia en cada edición “collendo peso e tradición”.

 

O vareador de Desporto de Valença, José Monte, cualificou os resultados das actividades deportivas realizadas de moi positivos. Engadiu que foi moi gratificante para el como responsable de deportes ter levado a cabo estas actividades en colaboración con Tui, e alusión ao ciclo político que remata en Valença o próximo 29 de setembro coa celebración de eleccións municipais.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradeceu aos responsables de deportes das dúas cidades o empeño posto en pór en valor o río. Tamén se referiu ao traballo feito pola Eurocidade indicando que “estamos sementando e cimentando un traballo que se valorará co tempo”.