Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O MUMI pecha hoxe domingo cunha gran festa de música nas rúas

24/09/2023

A fortaleza de Valença será o marco final desta 4ª edición do mercado das músicas galegas e portuguesas, que programa para mañá domingo unha xornada pensada para achegar o MUMI á cidadanía coas propostas dos Gaiteiros da Ponte Velha e Gooze HMB.

Tras dúas xornadas de encontros, faladoiros e showcases, o Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal chega hoxe domingo ao seu fin cun programa de música polas rúas da Fortaleza de Valença, onde os Gaiteiros da Ponte Velha e a banda Gooze House Marching Band teñen a misión de contaxiar ao público cos ritmos das súas propostas musicais, ambas construídas a partir do estudo e a experimentación a partir da tradición.
 
O Encontro de Músicas Profesionais Galiza-Portugal MUMI é o único mercado de músicas que existe na Galiza neste momento e naceu hai catro anos co obxectivo de reunir as mellores propostas musicais de ambos territorios para mostralas ante as principais entidades e empresas programadoras, pero tamén co propósito dalas a coñecer aos públicos galego e portugués que inexplicablemente viven de costas ás músicas que se fan no país veciño.
 
O grupo de GAITEIROS DA PONTE VELHA é o resultado dun proxecto saído da Escola de Gaitas de fol da Associação Cultural Tirsense. Ademais de temas orixinais, no seu espectáculo, a banda contextualiza e interpreta temas das distintas tradicións das prácticas musicais portuguesas con gaitas de fole e percusiones: os zés pereiras, os pauliteiros, os bailes das procesións do Corpo de Deus, o entroido, entre outros.

GOOZE HMB explora a House Music de DJ’s populares, vestíndoo con características distintivas, pero mantendo a enerxía típica da House & Techno Music. Creada na cidade do Porto e composta por 9 instrumentistas de vento e percusión ao estilo Marching Band, o obxectivo dos GOOZE HMB pasa por recrear o ambiente dunha discoteca, normalmente asociado á mesa de mesturas do DJ, e levalo para o escenario e para as rúas en formato acústico.