Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O MUMI arranca mañá cun espectáculo inédito creado para o encontro

20/09/2023

O concerto inaugural reunirá sobre o escenario a máis de 30 artistas de Galiza, Portugal e Brasil nun espectáculo inédito ao vivo que rende homenaxe á lusofonía e ás músicas de raíz das dúas beiras do Atlántico. 

 

Tui e Valença prepáranse para acoller a partir de mañá xoves, a programación da 4ª edición do Encontro de Músicas Profesionais Galiza-Portugal MUMI 2023.  O único mercado de músicas que existe na Galiza neste momento naceu hai catro anos co obxectivo de reunir as mellores propostas musicais de ambos territorios para mostralas antes as principais entidades e empresas programadoras, pero tamén co propósito dalas a coñecer aos públicos galego e portugués que inexplicablemente viven de costas ás músicas que se fan no país veciño.

Por iso, mañá a programación do MUMI comezará nas rúas de Tui, onde a partir das 19:30 a música de Habelas Hainas sairá ao encontro da xente cun pasarrúas festivo e contestatario onde se cruzan os camiños de catro mulleres que beben das músicas de raíz galegas, e que sinten a natural necesidade de expresarse dende unha ollada feminista e social, experimentando coa tradición, explorando outras músicas, e creando un son propio, fresco e orixinal, que se traduce en concertos enérxicos e reivindicativos. Na súa intensa traxectoria como músicas ao vivo, figuran xa máis de 300 concertos e citas como o festival de Pardiñas, o Interceltique de Lorient, o Bagpipe International Conference (Londres), o Festival Intercéltico do Morrazo, Poesía do Condado, o Encuentro Otoñal de Artes (Extremadura) ou o Codfish Festival (Noruega). Ademais do seu traballo Livres e Loucas (2017), teñen colaborado con artistas como Uxía (Rosalía Pequeniña, 2013), e participado en traballos colectivos (Irmandiñas. Músicas en pé de festa, con Sacha na Horta/Oïma/The Teta’s Van, 2017).

Concerto Especial de Apertura

Tras este primeiro petisco musical, a programación continuará no Teatro Municipal de Tui, onde ás 20:30 dará comezo o gran espectáculo inaugural creado especialmente para a apertura deste encontro de músicas que vai rendir homenaxe ás músicas de raíz seguindo o fío da lusofonía a unha e outra beira do Atlántico. Desde Brasil, Destino do Clã reúne aos músicos Nanan, Gustavito e Luizga, imbuídos da inluencia das culturas indíxenas e a ancestralidade suramericana, que eles recrean en cancións e arranxos que reverencian este rico territorio de coñecemento e sabedoría. Desde Portugal, O Gajo presenta o encontró de João Morades coa Viola Campaniça, un instrumento de raíz tradicional portuguesa co que explora novos territorios sonoros e ao que se une o Grupo As Sanfonas da Ponte Vella. E desde Galiza, Encaixe completará a proposta artística do concerto de apertura  achegando as voces de 18 cantantes profesionais que prooñen un novo concepto de coro, recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2018 a mellor proxecto de música vocal, e desde onde fan unha aposta forte pola música galega contemporánea, con versións vocais de grupos como Marful, Narf ou Malandrómeda, e tamén pola música lusófona, con versións do Zeca Afonso ou Djavan, entre outros. Tres propostas artísticas de Portugal, Galiza e Brasil que reunirán enriba do escenario a máis de 30 persoas ensamblando as súas propostas musicais para ofrecer ao público un espectáculo ao vivo irrepetible que supón toda unha declaración de intencións do traballo que pretende desenvolver a feira. O acceso a este concerto será libre ata completar aforo.

Programación a partir do venres

O MUMI chega á súa 4ª edición co obxectivo de seguir construíndo novas e mellores formas de traballar pola música en vivo. Con ese propósito, a feira presenta un bo feixe de novidades como a colaboración coa prestixiosa Fira Mediterrània de Manresa, que abre as nosas músicas ao mercado internacional; ou o Espazo Loja destinado á promoción dos traballos publicados polas editoras musicais.

O Encontro  Profesional de Músicas prevé acoller nesta 4ª edición a máis de 200 profesionais da industria musical galega e portuguesa para presentarlles artistas e bandas nas que se mesturan os novos traballos de proxectos consolidados coa vibrante nova escena musical que está agromando. Un  total de 20 propostas artísticas que abrazan a diversidade estilística e que comparten en moitos casos un sustrato onde as músicas de raíz son a fonte da que beber. Unha selección de moitísima calidade onde estarán representadas as músicas tradicionais, o rock, a electrónica, o jazz, as músicas urbanas, o indie-pop ou a canción de autoría, e que dan boa conta do gran momento creativo que viven os dous territorios.

Ademais das propostas artísticas o mercado presenta tamén um programa de encontros nos que as empresas e profesionais da industria da música de Galiza e Portugal terán a oportunidade de programar reunións de negocios dentro da axenda de speedmeetings e de asistir a sesións de traballo onde se tratarán asuntos que ocupan e preocupan ao sector. A comercialización dixital da música, as claves para a contratación artística transfronteiriza, conseguir audiencias para músicas non maioritarias, financiar proxectos musicais com fondos europeos, ou como coidarse no contexto de precariedade do sector da cultura, serán algúns dos temas que aborden os faladoiros programados para as xornadas do venres 22 e sábado 23 de setembro na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença, que acollerá a ZONA PRO desta 4ª edición da feira.

As inscricións profesionais continuarán abertas a través da páxina mumimusicas.eu sen ningún tipo de custe e ata a propia data do evento para facilitar a asistencia das persoas interesadas en manter sesións de traballo conxunto dentro do espazo destinado aos speedmeetings. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral, teñen unha cita imprescindible durante toda a fin de semana neste evento que quere converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular e que ten como obxectivo crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa, construír unha relación estable entre axentes e empresas de Galicia e Portugal; e destacar o talento creativo de proximidade ante programadores e técnicos de cultura de ámbolos dous países.