O equipo A Fábrica de Tui FS Cadete adestrará a próxima temporada no novo pavillón de deportes como premio aos bos resultados acadados
Os xogadores e adestrador foron recibidos esta mañá no Concello
Tui, 27 de xuño de 2013. O salón de sesións da Casa do Concello de Tui foi o escenario onde esta mañá se celebrou a recepción aos xogadores e adestrador do equipo A Fábrica de Tui FS Cadete, que na súa primeira temporada galou a Copa e foi subcampión da Liga Cadete. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo e o edil de Formación e Emprego, José Ángel Villaverde, foron os responsables de recibir aos deportistas nun acto no que estiveron tamén as súas familias.
O concelleiro de Deporte, Nicolás Lorenzo, explicou que “é unha honra recibir a este equipo de fútbol sala que no seu primeiro ano logrou estes resultados”. Felicitou ao adestrador, Javier Reboreda, e aos pais polo éxito conseguido, e agradeceu o apoio de La Fábrica de Tui a este equipo. O edil amosou amais a súa satisfacción polo feito de ter conseguido crear unha canteira de fútbol sala en Tui. Avanzou amais que o equipo a próxima semana poderá realizar os seus adestramentos e partidos no novo pavillón de deportes de Tui, xa que ata o de agora empregaban o pavillón do IES San Paio.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinalou que poder adestrar no novo pavillón de Tui é un premio polos bos resultados acadados. O rexedor felicitou a estes deportistas polo éxito logrado, que recoñecía non é doado.
Tomou tamén a palabra adestrador Javier Reboreda, que agradeceu ao Concello o recibimento feito, así coma toda a colaboración que lles están brindando. Indicaba que “xogar no novo pavillón é un luxo para nós”. Tamén destacaba que “non se pode pedir máis” logo de terse proclamado campións da Copa e subcampións da Liga. Expuxo tamén o seu agradecemento a pais e nais pola súa colaboración.
Por último, no nome do equipo, falaba o xogador Samuel Reboreda, quen explicou que foi para eles unha sorpresa a recepción do concello, ao tempo que agradecía a cesión das instalacións para os adestramentos.