Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello promove unha nova obra no Conxunto Histórico: a remodelación do miradoiro da rúa Cuenca

21/12/2012

O Concello de Tui continúa avanzando no seu labor de conservación e promoción do conxunto histórico tudense, se hai uns días era a obra de mellora do acceso e contorno da Igrexa de San Domingos, agora outro recanto da zona monumental vai ser obxecto dunha obra de remodelación.

 

Trátase do miradoiro que sobre o río Miño existe na rúa Cuenca na súa confluencia coa Praza de Frómista no que está prevista a renovación do pavimento deste espazo –ata agora de terra- por un pavimento de lousas de pedra dun espesor de 15 centímetros. Esta intervención supón un investimento de 9.948,73 euros.

 

Con esta obra se procede a dignificación dun espazo urbano ata agora non aproveitado e que, lamentablemente, sufría nas fines de semana unha constante degradación. A vontade municipal é recuperar o seu caracter de miradoiro sobre o río Miño e a ribeira de Portugal, procedendo xunto a esta obra a solicitar a colaboración dos veciños na poda de arbores e arbustos que ata agora impiden a visión desde este lugar.

 

Esta intervención conta coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura, Educación e O. U. da Xunta de Galicia, segundo establece a lexislación vixente, e se enmarca dentro do obxectivo do goberno municipal tudense de recuperación e revitalización do conxunto monumental tudense. A recente intervención no acceso e contorna da Igrexa de San Domingos, a limpeza de pintadas, etc son medidas acometidas recentemente na mesma liña de actuación.

 

Para o concelleiro do conxunto histórico, Nicolás Lorenzo Montes, con esta nova intervención o goberno municipal testemuña o seu compromiso pola zona monumental tudense que con medidas como a presente mellora o seu aspecto e favorece a súa capacidade de atracción para os residentes e visitantes.