Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O concello de Tui recibe a un grupo de mozos australianos que visitan a terra natal de Rosendo Salvado

11/08/2011

 

O concello de Tui recibe a un grupo de mozos australianos que visitan a terra natal de Rosendo Salvado

 

Xoves, 11 de agosto de 2011. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, recibirá oficialmente este sábado, 13 de agosto, ás 12,00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui a un grupo de máis de 150 mozos e mozas procedentes de Australia que se achegan a Tui interesados en coñecer a terra natal do bispo tudense, Rosendo Salvado, que desenvolveu unha importante labor apostólica naquelas terras.

 

Este grupo que viaxa acompañado polo bispo auxiliar da diocese de Perth, Monseñor Donald Sproxton; no seu camiño cara á Jornada Mundial de la Juventud, que se celebra na vindeira semana en Madrid e que nestas xornadas están sendo acollidos na diocese de Tui-Vigo.

 

Para o Concello de Tui é unha honra e unha satisfacción recibir a este grupo de australianos interesados na figura do egrexio tudense Frei Rosendo Salvado (Tui, 1814 – Roma 1900), que foi o fundador da misión benedictina de Nova Nursia nas terras do interior de Australia, naquela diocese de Perth.

 

Salienta o bispo Salvado por ser un dos protagonistas da defensa dos dereitos do aborixes nun momento de plena efervescencia colonial. A súa memoria segue a ser motivo de investigación nas universidades australianas para comprender a formación do seu país. Na memoria popular, converteuse nunha figura case lendaria.

 

Rosendo Salvado nacera en Tui no ano 1814 e sempre mantivo unha estreita vinculación coa súa cidade natal á que retornou en varias ocasións dende Australia, continente ao que chegou no ano 1844 e na súa misión desenvolveu unha traballo a prol dos aborixes fundando unha escola, fornecéndolle terras, etc. Amáis Rosendo Salvador mantiña grande inquietude e curiosidade que o levou a estudar a cultura local que a recolleu nas súas memorias sobre Australia.

 

Na nosa cidade a súa lembranza perdura no só no rueiro de Tui senón tamén na estatura que preside un dos lugares más emblemáticos da cidade e, especialmente, na memoria local.

 

A visita deste grupo de mozos australianos testemuña, en palabras do alcalde de Tui, a singular proxección que co paso do tempo acada a figura de frei Rosendo Salvado e que como a súa lembranza contribúe á unión e amizade entre pobos tan afastados. Moisés Rodríguez Pérez sinala que aproveitará esta visita para iniciar os contactos de cara á celebración, dentro de tres anos, do bicentenario do nacemento de Rosendo Salvador que o Concello de Tui quere conmemorar.