Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui peonaliza o Paseo da Corredoira os domingos dos meses de verán

4/07/2011

O Concello de Tui peonaliza o Paseo da Corredoira nos meses de verán

A medida ponse en marcha este domingo de once da mañá ás doce da noite.

 

 

Venres, 1 de xullo de 2011. O Concello de Tui vai peonalizar o Paseo da Corredoira dende o cruzamento coa Praza da Inmaculada ata os soportais os domingos dos meses de xullo e agosto. Esta medida comezarase a aplicar este domingo,  3 de xullo, dende ás once da mañá e ata ás doce da noite.  Nese tempo non se poderá circular nin estacionar nesta rúa, xa que quedará completamente libre de vehículos.

 

O obxectivo que se persegue, segundo explicou o concelleiro de Tráfico, Ángel Gutiérrez, é achegar a Corredoira á cidadanía e facilitar o seu disfrute. Apuntaba amais que dende o Concello se está xestionando xa habilitar unha serie de aparcamentos alternativos de xeito gratuíto no centro urbano, que se darán a coñecer en breve.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, apunta que coa peonalización do Paseo da Corredoira no verán buscase ofrecer novos espazos de lecer en pleno centro urbano nesta época estival. O que sinalaba redundará tanto en beneficio dos propios tudenses coma de cantos nos visiten, así coma en especial do comercio local.  Deste xeito, manifesta o rexedor, mantense unha aposta clara pola imaxe do municipio que se suma a outras medidas postas xa en marcha.