Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui participou na presentación de Mercatus, a Agrupación Europea de Interese Económico

16/10/2023

O pasado venres presentouse Mercatus, a Agrupación Europea de Interese Económico Transfronterizo - Galicia | Norte de Portugal. Trátase dunha iniciativa da Cámara de Comercio de Tui e da Confederación Empresarial do Alto Minho, que conta co apoio da Cámara de Valença e do Concello de Tui.

Mercatus nace co obxectivo de estimular as relacións e o desenvolvemento económico entre Galicia e o Norte de Portugal. A singular relación entre as dúas rexións non ten parangón en ningunha outra fronteira europea, con todo, a complexidade da xestión territorial e o desenvolvemento económico se magnifica no contexto transfronteirizo debido á asimetría entre os distintos lados da fronteira.

Participaron no acto Antón Fonseca, presidente da Cámara de Comercio Tui; Luís Ceia, presidente da CEVAL; José Carpinteira, presidente da Cámara de Valença; Ana Núñez, tenente alcalde de Tui; Manoel Pombal, presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho; Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia e Beraldino Pinto, vicepresidente dá Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Região Norte, xunto a representantes dos concellos da demarcación cameral, empresarios, e outras autoridades.

Na presentación Antón Fonseca, presidente da Cámara de Tui manifestaba que "desta alianza xurdirán novas oportunidades de negocio, tanto para as pequenas empresas coma para as compañías de longo percorrido e alcance internacional. A diversidade é un dos nosos sinais de identidade, cremos que chegou o momento de aproveitar esta fortaleza e impulsar o emprendemento creando empresas competitivas, que xeren postos de traballo e riqueza neste territorio".

Concluía a súa intervención indicando que "somos un exemplo de que cooperación, o sentir, e o sentido común,  que desembocan nunha fronteira fluvial conxunta se unen con pontes, cultura, moreas de matrimonios e cooperación civil, militar, política e empresarial. Europa fíxoo nun mercado común e nós facémolo no noso mercado".  

A tenente de alcalde de Tui, Ana Núñez, comezaba a súa intervención lembrando a constitución en 2011 da Eurocidade Tui-Valença, "unha iniciativa pioneira no ámbito da fronteira do río Miño", que dicía “abriu un período de estreita cooperación entre as administracións locais valenciana e tudense” salientando que “en toda a fronteira hispano-lusa non existe outro caso coma o de Valença-Tui”. 

Ana Núñez destacou que esta iniciativa conxunta da Cámara de Comercio de Tui e da Confederación Empresarial do Alto Minho é “unha excelente noticia para todos” e aludiu á “imperiosa necesidade de traballar conxuntamente en todos os ámbitos sociais, por unha planificación compartida da nosa eurorrexión, establecendo un novo paradigma de traballo en común”. Porque dicía a tenente alcalde de Tui que “estamos nun espazo onde precisamos cooperar, promover sinerxías, procurar a calidade e sobre todo a excelencia  para rentabilizar aos máximo as capacidades sociais e económicas deste territorio tan noso e da súa xente”.

Remataba felicitando aos promotores desta iniciativa  “polo compromiso de colaboración que expresa e polas expectativas que suscita” e transmitía o apoio do concello de Tui á mesma. Concluía afirmando que “xuntos somos máis fortes, as nosas oportunidades se multiplican, e aí está a nosa responsabilidade e o noso reto cara ao futuro”. 

Pola súa parte o presidente da Câmara de Valença, José Manuel Carpinteira, salientou que Mercatus terá un papel fundamental no desenvolvemento empresarial transfronteirizo, no posicionamento estratéxico da rexión e na reivindicación de factores estruturais para o territorio.