Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui forma parte da coordinadora de concellos de interese turístico da provincia de Pontevedra

12/09/2012

O Concello de Tui forma parte da coordinadora de once municipios da provincia de Pontevedra declarados de interese turístico. Nesta Coordinadora, que se integrará en Turismo Rías Baixas, participarán os once concellos pontevedreses que ostentan tal denominación (O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Cambados, Cangas, Mondariz-Balneario, Nigrán, Baiona, Poio, A Guarda e Tui) así como a Xunta de Galicia, o Estado (a través da Subdelegación do Goberno) e a propia Deputación de Pontevedra.

 

Entre os obxectivos da nova agrupación de concellos figura a necesidade de abordar, de xeito conxunto, problemas e aspectos comúns a todos eles. Os once concellos son os que reciben maior afluencia de turistas e tamén de visitantes de concellos próximos. E, dalgún xeito, constitúen a imaxe promocional exterior das Rías Baixas.

 

Na actualidade, todos eles teñen problemas derivados da escaseza de Guarda Civil e  policías locais na tempada estival, dificultades de contratación de persoal de limpeza, emerxencias, socorrismo e outros producidos porque, na maioría dos casos, duplican ou cuadriplican a súa poboación en verán sen que a dotación dos seus servizos se altere.

 

A Coordinadora de Concellos de Interese Turístico de Pontevedra definirá, en coordinación coa Deputación Provincial, un Manual de Boas Prácticas Turísticas, poñerá en marcha un identificativo en cada concello para resaltar a súa catalogación turística e traballará de xeito conxunto e coordinado para que, a través de  economías de escala, aforrar custes nas compras de material e servizos dos citados concellos.

 

Co obxectivo de manter o seu alto nivel de calidade na prestación de servizos xerais e medioambientais, a Coordinadora traballará en conxunto e contará, nas distintas administracións, con algún baremo particular á hora de reparto de fondos orientados ao turismo.

 

Entre os proxectos que ten intención de poñer en marcha esta Coordinadora está a Plataforma Integrada Intelixente de Servizos Turísticos de Pontevedra para cuxa creación a Deputación acaba de obter 2,5 millóns de euros (2 de fondos europeos e 500.000 da institución provincial). Trátase dun proxecto para inversións e explotación de I+D+i en empresas turísticas. O Presidente da Deputación, Rafael Louzán, que participou na xuntanza informoulles ao participantes que a Plataforma transformará o actual Turismo 1.0 noutro que incluirá a interacción cos usuarios (2.0) e con información en tempo real relacionada (3.0). Centralizará e xestionará toda a información turística dende un único punto de entrada, proporcionando ao visitante tanto puntos físicos de información como novos canais virtuais.

 

Para Moisés Rodríguez Pérez, alcalde de Tui e que representou ao Concello tudense nesta xuntanza, a formación desta Coordinadora ao abeiro de Turismo Rías Baixas posibilitará para a promoción turística da nosa cidade e os seus recursos, e barrallar solucións conxunta a problemáticas como seguridade, contratacións, etc que afectan a estes municipios. Para o noso Concello esta Coordinadora posibilitará planificar e coordinar actividades e dar un salto de calidade na oferta e promoción dos nosos recursos turísticos.