Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde recibiu a trinta mozos de italia, portugal e españa que inician o camiño de Santiago en Tui coma parte dun proxecto de intercambio xuvenil Europeo

3/09/2013

Martes, 3 de setembro de 2013. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, recibiu onte, no Centro de Interpretación do Camiño Portugués no antigo convento de San Domingos, a trinta mozos provenientes de España, Italia e Portugal que inician hoxe martes o Camiño de Santiago no marco dun proxecto que forma parte do programa da Unión Europea : Xuventude en Acción. Baixo o nome “"The Green Path / O Camiño Verde”. Este  proxecto ten coma obxectivo a concienciación medioambiental dos mozos a través da promoción de comportamentos “verdes” mediante a realización do Camiño Portugués.

 

O rexedor tudense resaltou a importancia do Camiño de Santiago como un lugar de encontro ao tempo que agradeceu a elección de Tui como lugar de inicio deste percorrido onde a natureza é un elemento substancial. Por tanto o traballo a realizar por este grupo de mozos posúe un alto interese rogando que lle remitan as conclusións que elaboren.

 

Os participantes son rapaces de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, un 20 % son inmigrantes. Co desenvolvemento deste proxecto se pretende conseguir que os mozos adquiran comportamentos e habilidades “verdes” nun contexto marcado polo contacto coa natureza nun marco de diversidade cultural que favorecerá o entendemento mutuo entre mozos de distintos países, ao igual que a súa solidariedade e tolerancia.

 

O camiño a Compostela realizarano en 6 etapas comezando en Tui. Ao final de cada etapa os mozos repartiranse en grupos de estudo, para analizar o trato medioambiental da zona entrando en contacto coa poboación local. Ao final de cada xornada os participantes debaterán as posibles solucións para plasmalas logo nunha guía de boas prácticas.

 

"The Green Path” é un intercambio xuvenil trilateral promovido pola ONGd Ecos do Sur, realizado en consorcio con 2 entidades: Pronexus (entidade social da rexión de Calabria-Italia) e Centro de Estudos e Formação Profissional Diogo Dias Melgaz (entidade educativa da rexión do Alentejo-Portugal). No intercambio participarán 30 mozos (entre 18-30 anos) que analizarán a conciencia ambiental das zonas do rural galego recorrendo  o Camiño de Santiago (Camiño portugués).