Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde de Tui satisfeito coas medidas adoptadas por CP e Renfe pero reclama un servizo ferroviario propio do século XXI para Tui

8/07/2011

 

O ALCALDE TUI AMOSA A SÚA SATISFACCIÓN POLAS MEDIDAS ADOPTADAS POR CP E RENFE PERO RECLAMA UN SERVIZO FERROVIARIO PROPIO DO SÉCULO XXI PARA A NOSA CIDADE

 

Venres, 8 de xullo de 2011. O Alcalde de Tui realizou esta mañá, acompañado do Vicepresidente da Cámara Municipal de Valença e do Presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra xunto a concelleiros tudenses e valencianos, o traxecto entre Valença e Tui, na anunciada como penúltima xornada no funcionamento deste servizo ferroviario, como expresión do seu rexeitamento ao peche deste servizo que une aos pobos de Tui e Valença do Minho e pola reclamación dunha conexión ferroviaria entre Porto e Vigo, entre Portugal e Galicia, adaptada aos requirimentos do século XXI.

 

Moisés Rodríguez Pérez na rolda de prensa celebrada na Estación de Tui valorou moi positivamente a decisión de Comboios de Portugal e de Renfe de manter o servizo que comunica Valença e Tui, Portugal e Galicia, pero reclamou que esta mobilización debe confluír non no mantemento dun servizo ferroviario obsoleto senón que sirva para apostar pola mobilidade da Eurorrexión cunha oferta de trens que responda ás necesidade dos máis de 5 mil cidadáns que cruzan diariamente esta fronteira.

 

“A aposta por unha interconexión realmente atractiva para os potenciais usuarios e que contribúa a incrementar a mobilidade nesta Eurorrexión é o grande froito que podemos tirar desta crise”, comentou o Alcalde tudense arroupado por outras personalidades da vida política, social e económica das localidades de Tui e Valença, Cómpre pois un auténtico servizo de cercanías entre as localidades de Valença e Tui con Porto e Vigo, e que diante da decisión de Comboios de Portugal de establecer catro liñas ata Guillarei, e non ata Tui, para acadar a intercomunicación coa rede ferroviaria española e que esta estación tudense sexa parada obrigatoria para todas as liñas. Volveríamos a un servizo obsoleto se cómpre achegarse ata O Porriño para conectar coas liñas de transporte ferroviario.

 

Moisés Rodríguez Pérez agradeceu o apoio recibido nesta reclamación pois amosa a sensibilidade das poboacións de Tui e Valença por incrementar cada día con máis intensidade os elos que vinculan a ambas localidades irmanadas dende o pasado 25 de marzo, co gallo do 125 aniversario da inauguración da Ponte Internacional construída para o enlace por vía férrea entre España e Portugal.

 

Na mesma liña se manifestaron o vicepresidente da Cámara de Valença, Jose Monte, e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jose Manuel  Fernández Alvariño, que incidiu na necesidade de priorizar os fondos europeos para esta comunicación ferroviaria de cercanías.