Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui acompañou hoxe ao conselleiro de Medio Ambiente na visita ao Parque Natural do Monte Aloia

29/01/2014

O rexedor tudense aproveitou para facerlle entrega dun documento con distintas necesidades do municipio competencia do departamento de Agustín Hernández

Mércores, 29 de xaneiro de 2014. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañou esta mañá ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na visita que realizou ao Parque Natural do Monte Aloia. Ao encontro acudiron tamén outros membros do equipo de goberno.

O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, tivo a oportunidade de coñecer hoxe de primeira man o traballo que se realiza neste espazo protexido, o seu funcionamento, amais de avaliar o resultados das actuacións acometidas pola Xunta de Galicia neste Parque Natural. Explicou precisamente que dende 2009 levan investido máis de 950 mil euros en distintas actuacións, e hoxe ía coñecer as preocupacións e necesidades do persoal que presta servizo no Parque e falar co equipo da Consellería das necesidades e actuacións a realizar neste espazo natural.

O alcalde de Tui valorou de forma positiva a presenza do conselleiro en Tui nunha visita que tiña pendente a un dos elementos turísticos máis importantes da cidade coma é o Parque Natural do Monte Aloia. Moisés Rodríguez aproveitou a presenza de Agustín Hernández na cidade para facerlle entrega dun documento no que se recollen distintas solicitudes de actuacións do departamento que dirixe Agustín Hernández, coma a Vía de Alta Capacidade ou o acceso á depuradora, que o rexedor tudense lle ten avanzado xa con anterioridade e que agora recolle de xeito pormenorizado.

O alcalde de Tui tivo tamén ocasión de saudar esta mañá a Gerardo Enrique Zugasti, o novo presidente da Xunta Consultiva do Parque Natural do Monte Aloia, tras a xubilación de Pedro Arbolí. Desexoulle moitos éxitos neste novo cargo no que lle brindou a  colaboración do Concello de Tui.