Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Na 2ª San Silvestre Solidaria recadáronse 5.000€ a beneficio da Asociación Española contra o Cancro

1/02/2024

No evento celebrado o domingo 31 de decembro participaron máis de 1.200 persoas

Un total de 5.000 € foron recadados na 2ª San Silvestre Solidaria Tudense celebrada o domingo, 31 de decembro, con éxito de participación e organización. Máis de 1.200 participantes percorreron as rúas de Tui e celebraron anticipadamente o fin de ano. Os 5.000 € foron doados polas persoas que participaron na proba a favor da Asociación Española Contra o Cancro.

A organización correu a cargo do Club Atletismo Tui e o Concello de Tui, coa colaboración da Policía Local e Protección Civil de Tui, da Radio Municipal de Tui e o apoio económico de varias empresas tudenses.

Trala carreira, a organización tiña preparado un chocolate quente con churros e, ás 12.00 horas, tomáronse as uvas, precelebrando o fin do ano.

O Concello de Tui agradece a participación de todas as persoas no evento, e a súa aportación económica á AECC, dado que con esta cantidade, a asociación pode seguir ofrecendo servizos gratuítos aos pacientes oncolóxicos e aos seus familiares en Tui. En 2023 realizaron máis de 260 intervencións no municipio.

Dende o Concello tamén se agradece a excelente organización do Club Atletismo Tui e a implicación dos seus deportistas, que xunto co persoal do departamento de obras, os membros da policía local de Tui e os voluntarios de protección civil de Tui, fixeron posible que a proba se desenvolvera do xeito máis seguro para os participantes.

Por último, agradecen tamén a colaboración das empresas privadas, dado que sen a súa colaboración económica, non poderían realizarse calquera dos eventos que se levan a cabo no noso concello.

O Concello de Tui e o Club Atletismo Tui xa traballan na terceira edición, que se celebrará o martes 31 de decembro de 2024, na que seguro que se superarán as cifras acadadas nesta pasada edición.