Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Miles de persoas recibiron aos Reis Magos na Eurocidade Tui-Valença

9/01/2024

A comitiva real formada por máis 500 persoas percorreu as rúas de Tui e Valença. O Teatro Municipal acolleu a recepción real

Miles de persoas recibiron nas rúas de Tui e Valença aos Reis Magos na única Cabalgata Internacional que se celebra entre España e Portugal. Máis de 500 persoas participaron activamente neste evento formando parte da comitiva real de Melchor, Gaspar e Baltasar. Dende a estación do tren de Valença até o Teatro Municipal de Tui os Reis Magos derrocharon maxia, ilusión e 1.500 quilos de caramelos, que fixeron as delicias de todas as persoas que se achegaron a presenciar o seu paso.

As carrozas reais ían precedidas polas elaboradas polas asociacións culturais Aloia de Pazos de Reis, Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Xuntanza de Randufe que recrearon contos infantís coma Os Tres Porquiños, e personaxes de deseños animados coma Aladdín, Mickey e Minnie, Bob Esponja, ou a película de Barbie.  Ao longo do percorrido non faltou o acompañamento musical coa Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro e das charangas tudenses A Tu Ritmo e Cantos Somos. Participaron tamén na comitiva real os Bombeiros Voluntarios de Valença, Protección Civil de Valença, Protección Civil de Tui, así coma a Garda Nacional Republicana, e a Policía Local de Tui. Un evento que contou tamén coa colaboración do grupo Scouts Aloia, e da Radio Municipal de Tui.

O Teatro Municipal de Tui converteuse nun lugar máxico para a recepción real. A porta de acceso ao patio de butacas transformouse nunha pechadura que permitía acceder a un coidado escenario oriental onde os Reis Magos foron escoitando os desexos de cada neno e nena que quixeron subir a saudalos durante máis de hora e media.

Dende a organización da Cabalgata de Reis amósase o agradecemento a todas e cada unha das persoas que un ano máis fixeron posible este percorrido internacional nunha tarde máxica.