Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mercado de Nadal, Inchables, música e deporte para despedir o ano en Tui

27/12/2023

A decoración de Nadal e as exposicións completan a oferta de lecer

Tui afronta a derradeira semana do ano 2023 con variedade de actividades vinculadas ás datas de Nadal.

No Paseo da Corredoira continúa até o próximo 5 de xaneiro o Mercado de Nadal. Onte comezou a terceira quenda de expositores na que participan dezasete postos.

Así Uxia Castro presenta billeteiras, bolsos, mochilas, alpargatas… Las Nubes Detalles bolas de Nadal personalizadas e decoración infantil realizada en madeira; Delicias y Ledicias ofrece creps e viño quente, e Jesús Cesteiro achega cestos e outros produtos artesanais feitos con mimbre.  Está tamén presente no Mercado de Nadal Mar Jewelrin con pezas únicas  realizadas con resina e flores  naturais encapsuladas, recollidas e prensadas a  man, e a Asociación El Nor con sobremesas con pastas elaboradas artesanalmente e dátiles, entre outros produtos. O posto de Lulinto ofrece peluches,  gorros,  monedeiros,  produtos  para bebé confeccionados con gancho; El Rincón  de Juliet produtos realizados con arcilla  polimérica  feitos  a man coma pendentes,  colgantes,  broches, aneis…e Ilumina  con Encanto propostas de iluminación,  resinas e cera;

No Mercado de Nadal podemos atopar tamén mel, própolis, hidromel, licores de mel, cosmética apícola, xabóns de cera de abella… no posto de ApiGuez; mentres que produtos elaborados con coiro, hamabeats e madeira están presentes no posto de Galicuero; xoiaría con prata, cobre con esmaltes a lume ou roupa de bebé pintada a man son as creacións que Como pez en el Auga presenta estes días en Tui.  

A Asociación Protectora de Animais Aloia continúa no Mercado de Nadal con distintos produtos e artigos de segunda man. Tamén segue o posto do Club de Patinaxe Artístico Ribex con plantas de Pascua, gofres, creps, e doces de Nadal, a foodtruck Ruta 82 con hamburguesas, a Chocolatería Patry con churros e o posto do grupo Scouts Alhoia con refrescos e produtos de Nadal.

O mercado abre hoxe mércores e mañá xoves de 17 a 21h. O venres o seu horario será de 17 a 23 h, o sábado de 12 a 14h e de 17 a 23 h e o domingo 31 de 12 a 14 h. O luns 1 de xaneiro estará pechado. Volverá a abrir o martes 2, mércores 3, xoves 4 e venres 5 de 17 a 21 h.

Amais o sábado o Mercado de Nadal celebrara unha festa de Pre-Fin de Ano coas actuacións do dúo Kedirán ás 19 h, e do grupo La Timba Mullallo ás 21 h.

Amais a carpa da Corredoira acolle cada tarde a partir das 17 h inchables para nenos e nenas, que poderán amais saudar a distintos personaxes de deseños animados.

Cómpre lembrar amais que mañá xoves ás 22 h remata o prazo de inscrición para a II San Silvestre Solidaria que se vai celebrar este domingo, 31 de decembro, ás 10.30 h no Paseo da Corredoira. Este evento deportivo e festivo é solidario coa Asociación Española contra o Cancro. Ao remate da carreira/andaina haberá chocolate con rosca, e ás 12 h ao son do reloxo da praza da Inmaculada comeranse ás doce uvas. A inscrición pode realizarse en https://clubatletismotui.wordpress.com/san-silvestre/.

Estes días en Tui pódese visitar a decoración de Nadal nas distintas rúas e prazas, así coma no edificio Francisco Sánchez as exposicións “Berces da Vida. De paseo polos bosques de España” e “Re-construíndo soños con ladrillos e maquetas de Tui” de Luis Arias da Asociación “Exin Castillos y West”. Amais na Sala Municipal de Exposición continúa o Mercado Solidario de Libros no que a cambio dun lote de produtos de Nadal pódese elixir entre o millar de títulos ofertados de diversa temática.

Deste xeito continúa nesta derradeira semana do ano a programación Tui, o Camiño do Nadal.